O BNG de Valga reclamará no próximo pleno o aumento das axudas municipais ás comisións de festas e asociacións culturais
Moitas comisións de festas levan anos demandando a actualización da contía concedida polo goberno municipal para a realización das celebracións populares, un importe que é exactamente o mesmo que fai dez anos, claramente insuficiente e desfasada en pleno 2025
As festas parroquiais e populares son unha das expresións culturais máis arraigadas na veciñanza de Valga. Representan unha mostra viva da identidade, das tradicións e da capacidade de organización veciñal que, de maneira desinteresada, mantén vivas unhas celebracións que definen o xeito de ser de cada unha das parroquias e aldeas valguesas.
Desde tempos remotos, son os veciños e veciñas de cada aldea os que, a través das comisións de festas, asumen a responsabilidade de organizar eventos festivos cun esforzo económico e persoal admirable. Por iso, esta tarefa vese cada vez máis dificultada polo progresivo encarecemento dos custos asociados: orquestras, seguros, permisos, infraestrutura.., e tamén pola falta de relevo xeracional nun contexto de perda alarmante de poboación en Valga, o que xa causou a desaparición de moitas comisións de festas.
A pesar disto, as axudas que concede o goberno municipal de Valga ás comisións de festas levan conxeladas en 300 euros desde, polo menos, o ano 2015. Dez anos ofrecendo a mesma contía, claramente insuficiente e desfasada en pleno 2025. Isto ponse de manifesto ao comparar o incremento do orzamento municipal neste período de tempo, o cal subiu o 58%, ou tamén coa suba do Índice de Prezos de Consumo (IPC) que aumentou un 29%, sen embargo, a asignación para as comisións de festas mantivéronse exactamente igual. Para o BNG de Valga esta axuda é ridícula e non reflicte, nin a realidade actual dos custos, nin o esforzo que realiza a veciñanza.
No decreto do 30 de xaneiro de 2025, o goberno municipal concedeu subvencións a doce comisións de festas por un importe total de 3.600 euros, o que corresponde a 300 euros para cada comisión. A falta de compromiso deste coas comisións evidénciase ao realizar a comparación coa Festa da Anguía deste ano, onde soamente o custo da contratación dunha orquestra e dun grupo musical será de 39.500 euros. Isto supón que se gastará case 11 veces máis en dúas actuacións musicais para a noite do sábado da Festa da Anguía que en axudas directas ás comisións de festas de Valga.
O inmobilismo do goberno municipal no referente á actualización e suba das axudas ás comisións de festas contrasta con outros gastos que si se incrementaron considerablemente, como son a defensa xurídica para cargos políticos, a publicidade institucional ou gasto de máis de 35.000 euros nunha xoiería desde o ano 2023, o cal revela que a prioridade do Partido Popular non pasa por apoiar ao pobo, nin por defender a nosa cultura popular, senón por outros intereses alleos á realidade dos veciños e veciñas.
O BNG de Valga, tal e como xa propuxera en xullo de 2024, entende que xa vai sendo hora de actualizar estas axudas e recoñecer, tamén desde a administración local, o valor cultural, social e económico que estas festas teñen para as aldeas. Para isto, o grupo municipal do BNG presentará unha moción no próximo pleno para que se actualice a contía da axuda municipal ás comisións de festas nos vindeiros orzamentos municipais, elevando o seu importe nunha porcentaxe semellante á suba destes no últimos dez anos, e que esta sexa revisable periodicamente.
Tamén proporá a creación dunha ordenanza reguladora da concesión de subvencións para asociacións culturais, comisións de festas e clubes deportivos de Valga. O obxectivo desta sería dar maior transparencia e seguridade xurídica, ademais de facilitar a concesión das axudas municipais aos colectivos e asociacións. Cunhas bases claras, obxectivas e públicas garantirase que a veciñanza acceda en igualdade de condicións ás subvencións municipais, cun sistema transparente e xusto de repartición das axudas. Para a redacción desta ordenanza deberá contar coa participación de todo o tecido asociativo valgués para que poidan aportar o seu punto de vista e experiencia.
Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, as institucións e medios públicos locais “deben recoñecer publicamente o labor das comisións de festas e a importancia das celebracións tradicionais no calendario cultural do municipio, promovendo tamén a súa difusión e participación, así como unha colaboración máis estreita do concello en traballos de acondicionamento, limpeza ou roza dos campos da festa. Cremos que apoiar ás comisións é apoiar a cultura popular. E por iso reclamamos que o Concello deixe de mirar para outro lado e estea á altura do esforzo que realizan as persoas que forman parte das asociacións que organizan as festas”.
