O BNG de Valga propón a creación dunhas bases para a adxudicación de subvencións e un aumento nas achegas municipais a asociacións culturais e comisións de festas
Malia que o orzamento municipal de Valga aumentou nun 58% desde o 2015 até o ano 2024, a cantidade recibida por unha asociación cultural ou comisión de festas é de 300 euros, exactamente o mesmo importe que se concedía fai case 10 anos
O 28 de maio de 2024, mediante un decreto asinado polo alcalde, o goberno municipal de Valga aprobaba o gasto e a realización do pagamento das subvencións a asociacións culturais e comisións de festas correspondentes ao ano 2023. Un total de 20 entidades repartíronse 9.400 euros para a organización de actividades, celebración de festas patronais ou actuacións musicais. Este importe é exactamente o mesmo que o destinado en 2015, é dicir, a aportación municipal a asociacións culturais e comisión de festas é a mesma que fai, polo menos, case 10 anos.
O importe individual que recibe cada entidade é de 300 euros, independentemente da dimensión da actividade (número de días, duración, loxística, número de socios da asociación, repercusión, público ao que se oferta a actividade...). Os 300 euros que se levan concedendo desde o 2015 é unha cantidade claramente insuficiente en pleno 2024, sobre todo cando o orzamento municipal aumentou neste período de tempo un 58%, sen embargo, a asignación para asociacións e comisións de festas mantívose exactamente igual.
Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, “o actual reparto non é proporcional nin xusto, pois a concesión da subvención debería terse incrementado, cando menos, na mesma porcentaxe que o orzamento, é dicir, debería pasar dos actuais 300 euros a case 500 euros”. A proposta do BNG sería que cada asociación cultural ou comisión de festas recibise un mínimo de 500 euros, fronte aos 300 euros de máximo que reciben agora, podendo chegar até os 1.000 euros dependendo do tamaño da actividade, festa ou celebración, mais sempre segundo os criterios fixados nunhas bases reguladoras da concesión de subvencións, elaborada e consensuada con todos os colectivos de Valga.
O Concello de Valga debería revisar as prioridades da política municipal nesta materia, incrementando o apoio ao tecido asociativo valgués cun mellor reparto dos recursos. Un exemplo da revisión que debería facer o goberno municipal neste sentido é a Festa da Xuventude deste ano, evento que foi un auténtico fracaso de asistencia, entre outras cousas, pola escasa publicidade que se lle dou desde o propio goberno municipal. Un dato salientable é que o custe desta festa supón unhas tres veces as axudas concedidas para asociacións culturais e comisións de festas para todo o ano 2023.
Para mellorar o reparto destas subvencións, o BNG de Valga proporá no vindeiro pleno a creación dunha ordenanza reguladora da concesión de subvencións para asociacións culturais e comisións de festas, mais tamén para clubes deportivos e eventos de diferentes tipoloxías que se celebran en Valga. O obxectivo desta sería dar maior transparencia e seguridade xurídica, ademais de facilitar a concesión das axudas municipais aos colectivos e asociacións. Cunhas bases claras, obxectivas e públicas garantiríase que a veciñanza acceda en igualdade de condicións ás subvencións municipais.
Con este documento tamén se fixarían uns prazos máximos para a entrega das subvencións ás propias asociacións, sen ter que agardar meses despois de ter realizada a actividade ou festa, o que implica en moitos casos que son so propios socios ou membros das comisións os que adiantan estes cartos para realizar os pagamentos. Deste xeito evitaríanse prazos moi longos, como pasou coas últimas subvencións concedidas polo Concello de Valga, que autorizou os pagamentos para as axudas correspondentes ao ano 2023 a finais de maio de 2024.
Para o BNG de Valga a redacción desta ordenanza debería ter un carácter altamente participativo, posto que tería que contar coa participación de todas as asociacións culturais, comisións de festas ou clubes deportivos valgueses para que poidan aportar o seu punto de vista e experiencia para a redacción dunhas bases xustas que rexan a repartición das axudas, os procedementos e os criterios que se usarán.