O BNG de Valga visita o CODI e o CIM para coñecer de primeira man o funcionamento destes servizos municipais
Fran Devesa agradeceu o compromiso das profesionais que alí traballan e destacou a importancia de escoitar á veciñanza para recoller propostas de mellora dos servizos públicos que coidan das veciñas e veciños de Valga
O concelleiro e portavoz do BNG de Valga, Fran Devesa, xunto cos membros do grupo local Berta Magariños e David Dadín, visitaron as instalacións do Centro Ocupacional de Persoas con Discapacidade (CODI) e do Centro de Información á Muller (CIM). Estes dous servizos, situados no mesmo edificio, están actualmente baixo a responsabilidade dunha mesma directora, e a súa visita tivo como obxectivo coñecer de primeira man o seu funcionamento diario, avaliar as necesidades existentes e poñer en valor o importante labor social que desenvolven no municipio.
Durante o encontro, a directora guiou aos membros do BNG polas instalacións e explicou polo miúdo o funcionamento do CODI, un espazo fundamental de atención, acompañamento e desenvolvemento persoal. Neste centro desenvólvense diversas actividades encamiñadas a favorecer a autonomía, a participación activa e a inclusión real das persoas usuarias. Estas actividades van, desde tarefas artísticas e creativas, até proxectos vinculados á reciclaxe e á recuperación de aparellos dixitais, e que precisarían de monitoras a tempo completo.
O centro dispón, ademais, dun espazo cedido para ASDIVALU (Asociación de Persoas con Discapacidade dos Vales Ulla-Umia). Desde o BNG quixeron aproveitar a ocasión para recoñecer publicamente o imprescindible labor que esta entidade leva realizando durante tantos anos en favor das persoas con diversidade funcional e das súas familias na comarca.
Tamén se afondou no traballo do CIM, un recurso que cualificaron de "esencial" para a información, o asesoramento xurídico e psicolóxico, e o apoio integral ás mulleres, así como para continuar avanzando cara á igualdade real en Valga. Na conversa abordouse a necesidade urxente de impulsar proxectos de concienciación e prevención. O BNG de Valga sinalou como clave a colaboración cos centros educativos para traballar, desde idades temperás, en eidos tan transversais como a igualdade, o respecto, a prevención das violencias machistas, a educación afectivo-sexual e a convivencia.
Para rematar, desde o BNG de Valga agradecen a atención e tempo dedicado durante a visita, e recoñecen especialmente o firme compromiso das profesionais que sosteñen diariamente estes servizos, cunha alta dose de responsabilidade e vocación. “Para nós, escoitar á xente e recoller propostas directamente sobre o terreo é o primeiro paso imprescindible para mellorar e potenciar os servizos públicos que coidan das veciñas e veciños de Valga”, declarou o portavoz municipal, Fran Devesa.