O BNG de Valga traslada o seu apoio aos traballadores/as de Nestlé e fai un chamamento á participación na mobilización deste sábado en Pontecesures
Fran Devesa xa trasladou todo o seu apoio ao comité de empresa, ás organizacións sindicais e ao conxunto do persoal afectado, defendendo o futuro dunha industria que garda unha estreita relación con Valga, pois son moitas familias valguesas as que traballaron e traballan na Nestlé
O BNG de Valga traslada todo o seu apoio e solidariedade ás traballadoras e traballadores da fábrica de Nestlé en Pontecesures ante o ERE anunciado pola multinacional que afectaría a 27 persoas, o 14% do cadro de persoal. Esta fábrica garda unha estreita relación con Valga, pois son moitos os veciños e veciñas que traballaron e traballan na Nestlé. Trátase de familias valguesas que levan moitos anos vinculadas á planta e que agora viven con enorme preocupación esta nova situación.
O BNG considera especialmente grave que estes despedimentos se produzan nunha factoría estratéxica para a propia compañía, xa que é aquí onde se produce a totalidade do leite condensado producido por Nestlé. Estes datos, unidos aos beneficios obtidos pola compañía en 2025 (2.948 M€), fan que este decisión sexa incomprensible e inxustificada.
Este ERE pode ter un impacto moi grande en toda a comarca do Baixo Ulla, onde a fábrica leva décadas sendo un motor económico e unha fonte de estabilidade laboral para centos de familias. O BNG de Valga apoia as iniciativas impulsadas polo BNG no Parlamento galego, no Congreso e no Senado para reclamar a paralización do ERE e esixir aos gobernos da Xunta e do Estado unha actuación firme na defensa do emprego industrial do Baixo Ulla.
Fran Devesa xa trasladou todo o seu apoio ao comité de empresa, ás organizacións sindicais e ao conxunto do persoal afectado, defendendo que o futuro da industria e dos postos de traballo debe situarse por enriba dos intereses económicos das grandes multinacionais. O BNG de Valga quere tamén facer un chamamento ás veciñas e veciños de Valga para participar na manifestación convocada para este sábado 16 de maio na Praza de Pontevedra de Pontecesures, en defensa dos postos de traballo e do futuro industrial da comarca. “O que está en xogo non son só números nun balance empresarial, senón empregos, familias e o futuro de moita xente de Valga, Pontecesures e da comarca do Baixo Ulla”, .engade Fran Devesa.