O BNG de Valga alerta que o alcalde asume competencias para decidir no seu despacho o que lle corresponde ao Pleno
Con esta decisión, o actual alcalde de Valga arrebátalle as funcións ao pleno, o órgano democrático no que está representada a totalidade dos grupos políticos municipais, e pasa a mans dunha soa persoa para esquivar o control e fiscalización
No pasado pleno celebrado o 23 de abril de 2026 o goberno municipal do Partido Popular levou como un dos asuntos a delegación de competencias propias do pleno no alcalde. Isto quere dicir que o procedemento para a última licitación dunhas novas obras na antiga barreira de Porto Piñeiro pasa a depender, única e exclusivamente, do alcalde, e non do pleno, tal e como se indica na Disposición Adicional Segunda da Lei de Contratos do Sector Público.
O grupo municipal do BNG de Valga dirixiuse, tanto ao alcalde como ao secretario, preguntando se, ao tratarse dunha licitación cuxo importe de case un millón de euros supera o 10% dos recursos ordinarios do orzamento municipal, dita delegación de competencias cumpría cos requisitos da lexislación vixente. Ademais, segundo o Artigo 22 da Lei Reguladora das Bases de Réxime Local, a disposición de gastos, neste caso unha contratación pública, é un dos supostos nos que se declara indelegable unha competencia. Ante estas dúas cuestións realizadas por Miguel Lois, concelleiro do BNG de Valga, nin alcalde nin secretario deron resposta algunha ao respecto.
Con esta decisión, o actual alcalde de Valga arrebátalle as funcións ao pleno, o órgano democrático no que está representada a totalidade dos grupos políticos municipais, e pasa a mans dunha soa persoa para esquivar o control e fiscalización. Este é un paso máis na deriva pouco democrática do Partido Popular, onde as decisións pasan a ser tomadas unicamente polo alcalde, convertendo o pleno nun órgano decorativo no que non se poden adoptar acordos relevantes.
Con esta nova contratación, o goberno municipal de Valga terá investido en Porto Piñeiro máis de tres millóns de euros para a construción dunha praia artificial, unha piscina, un escenario flotante ou un edificio modular para usos múltiples. Este importe está repartido en varias licitacións, mais todas teñen algo en común, a empresa adxudicataria das obras é sempre a mesma. O BNG de Valga afirma que para a actual contratación, á que o alcalde lle quita as competencias ao pleno para a súa xestión, a adxudicataria da obra volverá ser a mesma.
Concretamente esta empresa é a que máis contrata co Concello de Valga, embolsándose case un de cada dous euros dos contratos públicos licitados polo goberno municipal. En case a totalidade das licitacións de Porto Piñeiro, a mesma foi a única empresa que se presentou aos múltiples proxectos independentes, mais interconectados entre si e que fan case imposible que outra empresa se poida presentar ao concurso.
Co feito de evitar o control do pleno, quérese evitar a fiscalización que realiza o BNG de Valga de todas as contratacións públicas do Concello de Valga. Desde o inicio da lexislatura, foron constantes as irregularidades e incumprimentos nas licitacións, algunhas delas recorridas e anuladas polos recursos presentados por colexios profesionais, ou máis recentemente, a anulación da contratación do servizo de asesoramento urbanístico tras a denuncia pública do BNG de Valga por incumprimento flagrante da Lei de Contratos do Sector Público.
Respecto da delegación de competencias do pleno no alcalde, Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga manifesta que “isto é un retroceso democrático e un ataque directo á pluralidade política, usurpando o dereito das veciñas e veciños a coñecer, debater e contrastar as alternativas ás políticas do goberno municipal do Partido Popular. Aínda que xa non sorprende a ninguén, o alcalde pretende silenciar a quen pensa diferente e gobernar ás agachadas, sen dar explicacións e sen render contas”.