O BNG de Valga propón rescatar do abandono as pistas deportivas do Monte Beiro de Cordeiro
Fran Devesa lamenta que o goberno municipal priorice investimentos millonarios en grandes obras mentres esquece o mantemento do día a día, un problema estrutural no concello que ignora a conservación dos espazos públicos e instalacións municipais
O grupo municipal do BNG de Valga urxe a recuperación das pistas deportivas do Monte Beiro de Cordeiro para devolverlle á veciñanza un espazo digno. Estas instalacións, que contan cunha pista de tenis e outra polideportiva, levan anos acumulando deterioración e unha falta de mantemento que derivou nun abandono total. Peches perimetrais e redes parabalóns rotas, acumulación de sucidade e maleza, pavimentos impracticables, vestiarios inservibles e a ausencia de porterías, canastras ou redes son hoxe a realidade dun espazo público que debería estar en condicións óptimas para o deporte.

Para a formación nacionalista, o estado do Monte Beiro non é un caso illado, senón o reflexo dun problema estrutural no concello: a falta dunha planificación seria de conservación dos espazos públicos e instalacións municipais que se van deteriorando co tempo, sen unha planificación seria de conservación e mantemento. Mentres o goberno local prioriza grandes obras e investimentos millonarios que ninguén demandou, moitas instalacións fundamentais para o día a día das parroquias seguen esquecidas.
Desde o BNG defenden que os cartos públicos deben xestionarse con responsabilidade. De nada vale inaugurar infraestruturas se acaban abandonadas a poucos anos do seu nacemento. Por iso, propoñen unha rehabilitación integral do Monte Beiro: reparar os peches e proteccións, acondicionar a superficie de xogo, recuperar os vestiarios e estudar a instalación dun tellado lixeiro nunha das pistas para que poida utilizarse todo o ano.
Fran Devesa, voceiro municipal do BNG, salienta que “actuacións coma esta son as que realmente melloran a vida da xente e dinamizan as nosas parroquias, especialmente para a mocidade”. O edil vai máis alá e pide unha reflexión profunda sobre o modelo de Valga: “Queremos un concello máis coidado, equilibrado e centrado nas necesidades reais. Un municipio non se mide polas grandes obras que se inauguran para a foto, senón por como se conserva o que xa é de todos”.