A Xunta de Galiza elimina o servizo de pediatría do Centro de Saúde de Baño para os meses de verán

20240730

O BNG de Valga dará entrada mañá no rexistro do Concello a un escrito dirixido ao alcalde demandando que, coa máxima celeridade posible, se dirixa á área sanitaria para esixir o restablecemento da consulta de pediatría durante o mes de agosto

A Xunta de Galiza elimina o servizo de pediatría do Centro de Saúde de Baño para os meses de verán

Soamente un ano despois de que o servizo de pediatría do Centro de Saúde de Baño estivera sendo prestado a tempo parcial durante meses, novamente Valga quedarase sen pediatra até, cando menos, o mes de setembro. Familias usuarias de pediatría fixeron chegar varias queixas ao BNG de Valga para denunciar que o SERGAS non está aceptando novas consultas para o mes de agosto, mais tamén que se están aprazando consultas que había xa solicitadas, ofrecendo novas datas para o meses de setembro. Consecuencia desta falta de planificación por parte da Xunta de Galiza e a ausencia de alternativas, as familias verán reducido o número de horas na atención pediátrica en Valga.

Cando fai un ano o servizo de pediatría non se cubriu a tempo completo, o BNG de Valga presentou unha moción no pleno do Concello de Valga solicitando ao Alcalde que se dirixira á área sanitaria para esixir o restablecemento a tempo completo do persoal na consulta de pediatría de Valga.

Agora, ante a falta de pediatra nos meses de verán, o BNG dirixirase ao goberno municipal de Valga para pedirlle novamente que, coa máxima celeridade posible, se dirixa á Consellería de Sanidade para evitar que as nenas e nenos valgueses queden sen pediatra. Para o BNG de Valga o sistema público de saúde é un ben esencial que todas e todos debemos coidar. Non obstante, os recortes orzamentarios e de persoal que a Xunta de Galiza implementou nos últimos 15 anos deixou ao descuberto moitas das situacións de precariedade na que os profesionais fan o seu traballo, e que redundan nun empeoramento claro da atención sanitaria ás nosas veciñas e veciños.

Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, anima ás usuarias e usuarios do servizo de pediatría a deixar as súas reclamacións por escrito no propio centro de saúde ou a través da aplicación do SERGAS, co obxectivo de facer presión e volver contar o antes posible cun pediatra. Ademais, o BNG levará ao Parlamento de Galiza a necesidade da atención primaria a tempo completo para as nenas e nenos de Valga.

A Xunta de Galiza elimina o servizo de pediatría do Centro de Saúde de Baño para os meses de verán