O BNG de Valga presentará unha moción no próximo Pleno para demandar a cobertura da baixa de pediatría a tempo completo
Nos últimos días son numerosas as queixas das veciñas e veciños denunciando que o servizo de pediatría pasou de ser prestado por un especialista de luns a venres, a soamente dúas mañás á semana na actualidade
O sistema público de saúde é un ben esencial que todas e todos debemos coidar. Non obstante, os recortes orzamentarios e de persoal que a Xunta de Galiza implementou nos últimos 14 anos deixou ao descuberto moitas das situacións de precariedade na que os profesionais fan o seu traballo, e que redundan nun empeoramento claro da atención sanitaria ás nosas veciñas e veciños.
Familias usuarias de pediatría fixeron chegar varias queixas ao BNG de Valga para denunciar que o SERGAS non está cubrindo na súa totalidade a baixa do servizo de pediatría do Centro de Saúde de Baño desde comezos de verán, co que o servizo de atención de pediatría pasou de ser realizado por un especialista a tempo completo (agora mesmo de baixa) a un a tempo parcial (dúas mañás á semana). Consecuencia desta falta de planificación por parte da Xunta de Galiza e a ausencia de alternativas, as familias ven reducido o número de horas na atención pediátrica en Valga.
A veciñanza non acepta que non se cubran as baixas no servizo de pediatría, xa que se trata dun servizo fundamental para a boa saúde das nosas nenas e nenos. Isto debe ser un posicionamento claro de toda a corporación municipal, polo que o grupo municipal do BNG presentará unha moción no próximo Pleno, se non se corrixe antes estas situación, na que se solicitará ao Alcalde que se dirixa coa máxima celeridade á xerencia da área sanitaria para esixir o restablecemento a tempo completo do persoal na consulta de pediatría no Centro de Saúde de Baño.
Desde o BNG de Valga animamos ás usuarias e usuarios do servizo de pediatría a deixar as súas reclamacións por escrito no propio centro de saúde ou a través da aplicación do SERGAS, co obxectivo de facer presión e volver contar o antes posible cun pediatra a tempo completo.