O BNG de Valga urxe ao goberno municipal a actuar de oficio nas fincas sen limpar preto das casas

20260720

Fran Devesa denuncia a "pasividade" do goberno municipal ante as queixas veciñais e lembra que a propia ordenanza municipal reguladora da xestión da biomasa habilita ao Concello de Valga a contratar directamente a limpeza do terreo, trasladando os custes destes traballos aos propietarios

O BNG de Valga urxe ao goberno municipal a actuar de oficio nas fincas sen limpar preto das casas

Fran Devesa, portavoz municipal do BNG, traslada a fonda preocupación e o malestar de numerosos veciños e veciñas de Valga que levan tempo reclamando unha solución ante o abandono de multitude de fincas privadas repletas de maleza a escasos metros das súas vivendas. Esta situación prolóngase no tempo sen recibir unha resposta efectiva por parte dun goberno municipal que parece optar pola pasividade. A esta problemática en parcelas particulares súmase o estado de desidia que presentan as marxes das estradas, as cunetas e diversos terreos de titularidade municipal.

A acumulación descontrolada de vexetación nas proximidades dos núcleos habitados convértese nun perigo real para a seguridade e a saúde pública. Nun contexto marcado polo aumento das temperaturas e por episodios de seca cada vez máis frecuentes, a biomasa sen xestionar actúa como un combustible ideal que incrementa de xeito alarmante o risco e a propagación de incendios forestais. Ao mesmo tempo, o descoidado destas parcelas favorece a proliferación de pragas, roedores e insectos a carón das vivendas, o que degrada a calidade de vida e a salubridade diaria das familias afectadas.

Fronte a esta realidade, o BNG lembra que o goberno municipal non precisa procurar novas fórmulas nin carece de amparo legal, xa que a “Ordenanza reguladora da limpeza de fincas e xestión da biomasa do Concello de Valga” ofrece ferramentas xurídicas moi claras para intervir. Este texto normativo establece que as propiedades situadas en solo urbano, urbanizable ou de núcleo rural deben manterse en condicións axeitadas de seguridade, salubridade e ornato. Para garantilo, a ordenanza fixa que a xestión da biomasa ten que executarse antes de que conclúa o mes de maio e determina que a vexetación herbácea e arbustiva non pode superar un metro de altura dentro das franxas de seguridade.

Unha vez superado o prazo do mes de maio, a normativa habilita ao Concello para comprobar de oficio os posibles incumprimentos ou para actuar a partir das denuncias presentadas pola propia veciñanza. O procedemento formal inclúe a elaboración dun informe técnico, a apertura do expediente correspondente e a notificación á persoa responsable para que execute a limpeza nun prazo xeral de quince días. No caso de que o propietario faga caso omiso e non realice os traballos, o artigo 18.2 da propia ordenanza recolle a posibilidade de recorrer á execución subsidiaria. Isto permite que os servizos municipais contraten a limpeza do terreo de forma directa e lle trasladen posteriormente o custo total da actuación á persoa titular da parcela.

Porén, en lugar de exercer estas competencias e protexer á poboación, o goberno municipal prefire derivar as súas responsabilidades e animar ás persoas afectadas a iniciar trámites e denuncias noutros organismos e administracións externas. Esta actitude trasládalle á cidadanía un peso burocrático inxusto e déixaa desprotexida fronte a un problema local que o Concello ten a obriga e a capacidade de resolver.

Por todo isto, desde o BNG de Valga solicítase que se atendan de inmediato as reclamacións pendentes, priorizando as parcelas contiguas ás casas, e que se poña en marcha un plan de choque para a posta a punto dos espazos públicos. Así mesmo, esíxese ao goberno municipal que actúe con total transparencia e informe publicamente sobre o número de solicitudes recibidas, as inspeccións realizadas, os expedientes tramitados e as limpezas executadas de xeito subsidiario. “Queremos informar á veciñanza sobre os dereitos e ferramentas dos que dispón, canalizar as súas demandas e conseguir que os problemas do día a día teñan por fin unha resposta eficaz”, conclúe Fran Devesa.

O BNG de Valga urxe ao goberno municipal a actuar de oficio nas fincas sen limpar preto das casas