O goberno municipal de Valga adxudicará a xestión da escola infantil a unha empresa que no anterior concurso non conseguira a puntuación mínima esixida
O goberno municipal de Valga adxudicará a xestión da escola infantil a Pequeños Escolares, empresa que leva xestionando a escola de Padrón desde que se creou en 2017, e que se presentara xa á anterior licitación sen acadar nin tan sequera a valoración técnica mínima
A empresa que leva a xestión da Escola Infantil Municipal de Valga, que se atopaba sen contrato desde o 9 de outubro de 2022 e tras dous concursos declarados desertos, cambiará a partir do 1 de xullo de 2024. A adxudicación deste novo contrato foi realizada polo procedemento negociado sen publicidade, é dicir, o goberno municipal invitou directamente a tres empresas para que optaran á xestión da escola.
Respecto do anterior concurso, o goberno municipal propuxera a adxudicación a Colorín Sin Fin, empresa con sede social en Palencia e que despois de que o BNG de Valga denunciara publicamente que a súa proposta suporía recortes ao actual persoal, esta retirou a oferta, quedando o concurso deserto por segunda vez. Anteriormente, os concelleiros do BNG foron os únicos que votaron en contra da aprobación dos pregos de condicións no pleno correspondente, alertando de que o importe asignado á xestión da escola infantil era claramente insuficiente.
Neste terceiro concurso, usando o negociado sen publicidade, o goberno municipal invitou ás seguintes empresas: Savisu Soluciones, Bonecos Vilagarcía e Pequeños Escolares. A primeira trátase dunha empresa allea ao sector educativo, cunha antigüidade inferior a un ano, e pertencente ao grupo Noventia Corporación Empresarial, cuxa empresa de comunicación e marketing foi contratada pola Xunta de Galicia para a limpeza de parte dos pellets que chegaron ás praias galegas fai uns meses. A segunda é a actual concesionaria da escola infantil municipal de Vilagarcía de Arousa. A terceira delas, Pequeños Escolares, é a empresa que leva xestionando a escola infantil municipal de Padrón desde que se creou en 2017.
Segundo decreto de 13 de xuño de 2024 asinado polo alcalde de Valga, este propón adxudicarlle a Pequeños Escolares a xestión da Escola Infantil Municipal de Valga. Esta empresa tamén se presentara ao anterior concurso, non conseguindo nin tan sequera a puntuación mínima na valoración técnica, na mesma que se incluía, entre outras, a seguinte observación: “non concreta o perfil profesional das persoas traballadoras nin se fai referencia a como será a súa xornada laboral”. O BNG de Valga descoñece cal foi o criterio empregado para invitar a unha empresa que non obtivo a puntuación mínima na oferta técnica da anterior licitación.
O BNG de Valga denuncia tamén a falta de transparencia do Concello de Valga respecto desta licitación, pois non foi publicada na plataforma de Contratos Públicos de Galicia, polo que non están dispoñibles para a súa consulta os informes de valoración das mesas de contratación, descoñécese cantas das tres empresas invitadas presentaron finalmente unha oferta ou cal é o importe da “redución dos prezos” da empresa proposta para adxudicarlle a xestión da escola infantil.
Aínda que desde o goberno municipal se manifesta que “non queda máis remedio que acudir á operatividade dun procedemento negociado sen publicidade”, o BNG de Valga defendeu e segue defendendo un novo concurso, en tempo e forma, cun aumento no valor do contrato, pois como quedou demostrado, os dous concursos declarados desertos son unha mostra de que as empresas non ven atractiva a licitación da escola infantil. Malia que o alcalde manifeste agora que existe “unha grande urxencia de contratación”, hai que recordar que a concesión está vencida desde o 9 de outubro de 2022, polo que pasaron case 5 meses até a publicación do primeiro concurso; e desde que se resolveu como deserto este último, pasaron máis de 8 meses até que se publicou o segundo, novamente resolto como deserto. Resumindo, o goberno municipal perdeu case 13 meses entre o final de contrato do actual concesión e a publicación dos dous concursos publicados, tempo suficiente para non ter recorrido agoa ao procedemento de negociado sen publicidade.
Desde o BNG de Valga solicitarase que, unha vez rematada a concesión deste concurso, se estude a posibilidade de asumir a xestión directa da Escola Infantil Municipal de Valga, tal e como xa fixo algún concello da contorna, como é o caso de Catoira.