O Concello de Valga propón adxudicar a xestión da escola infantil a unha empresa que ofertou menos horas de persoal que na actualidade

20240312

O BNG de Valga solicita ao alcalde que se pida unha aclaración escrita á empresa na que explique o exposto na súa oferta respecto da proposta do persoal que traballa na escola e esixindo o mantemento dos tipos de xornada laboral que se están realizando na actualidade

O Concello de Valga propón adxudicar a xestión da escola infantil a unha empresa que ofertou menos horas de persoal que na actualidade

A Escola Infantil Municipal de Valga, que se atopa sen contrato desde o 9 de outubro de 2022, está agora mesmo en proceso de licitación tras ser publicado un novo concurso o 22 de decembro de 2023, unha vez que o anterior quedara deserto, tras non recibir o Concello ningunha oferta. O grupo municipal od BNG de Valga xa preguntara pola situación da escola infantil no pleno celebrado o 27 de setembro de 2023.

Á actual licitación presentáronse tres empresas: Colorín Sin Fin, con sede social en Palencia, Pequeños Escolares, con domicilio en Padrón, e Osventos de Santiago de Compostela. Segundo figura na acta da mesa de contratación de apertura dos arquivos electrónicos do sobre B, tanto Pequeños Escolares como Osventos non conseguiron o mínimo de puntuación (25 puntos) no informe de valoración técnica, polo que a única empresa que continuou no proceso foi Colorín Sin Fin. Deste xeito, a mesa propuxo ao órgano de contratación a adxudicación da “Contratación da Escola Infantil Municipal de Valga” á empresa de Palencia.

Segundo figura no informe técnico (ver imaxe que segue), Colorín Sin Fin ofertou un equipo de 11 profesionais, dos cales 7  terán un contrato a xornada parcial. Isto significa que o Concello vai propoñer a adxudicación da xestión da escola infantil a unha empresa que está ofertando menos horas de persoal respecto das realizadas pola actual empresa concesionaria.

20240312_2

De cumprirse o ofertado, conlevaría cambios nas condicións de traballo do persoal actual, que segundo se indica no cadro de persoal a subrogar (ver imaxe que segue), son 8 traballadores a tempo completo e 3 a tempo parcial.

20240312_3

Desde o BNG de Valga solicitamos ao Concello que pida unha aclaración por escrito á empresa Colorín Sin Fin respecto á dedicación do persoal que traballa no centro, requiríndolle que manteña os tipos de xornada laboral actuais, tal como se indica na listaxe do cadro de persoal a subrogar dos pregos de condicións.

O Concello de Valga propón adxudicar a xestión da escola infantil a unha empresa que ofertou menos horas de persoal que na actualidade