O goberno municipal vota en contra da moción presentada polo BNG solicitando a creación dun local de ensaio para os grupos de música locais

20241030

A iniciativa presentada solicitaba o acondicionamento dalgunha instalación municipal para destinalo a local de ensaio, sen embargo, o alcalde e os concelleiros do goberno municipal votaron en contra, malia recoñecer o propio alcalde as deficiencias existentes na actualidade

O goberno municipal vota en contra da moción presentada polo BNG solicitando a creación dun local de ensaio para os grupos de música locais

O grupo municipal do BNG de Valga presentou unha moción no pleno ordinario do día 29 de outubro de 2024 solicitando ao goberno municipal a creación dun local de ensaio digno e contar cos músicos locais na programación cultural. Nos últimos anos, as novas correntes musicais (electrónica, rock, punk, pop...) fan de Valga un referente galego neste eido. Alto Volta, Bloody Sunrise, Cazador, Copa Turbo, Músculo!, Noise Project, Nox, Satenta, Yoplay, entre outros, son algúns dos grupos formados ou con integrantes de Valga, e que levaron e continúan levando o nome do concello polas vilas e festivais do país, do estado e incluso por Europa adiante.

Fran Devesa, voceiro do grupo municipal do BNG de Valga, expuxo a situación actual na que se atopa a instalación que actualmente se lle cede aos grupos locais, unha antiga vivenda dos profesores en Baño. Esta non cumpre as condicións mínimas esixidas para o seu uso como local de ensaio: a instalación eléctrica e a iluminación atópanse nun estado moi deficiente, a falta de ventilación provoca que haxa humidades, non conta con insonorización, ao que se lle engadiu nas últimas semanas a limitación horaria, pois está prohibido ensaiar máis alá das 10 da noite. A moción presentada para a súa aprobación polo pleno solicitaba os seguintes acordos:

  • Que se acondicione un local de ensaio onde para que poidan ensaiar os grupos de música do municipio.
  • Que se aposte pola autoxestión do local por parte dos usuarios deste.
  • Que se conte cos grupos locais á hora de realizar a programación cultural municipal.

Sen embargo, e como ven sendo habitual, o alcalde e o resto dos concelleiros do Partido Popular, aínda recoñecendo as deficiencias do actual local, negáronse a apoiar a moción presentada. O BNG lamenta profundamente a falta de diálogo e vontade política por parte do alcalde para apoiar unha demanda que vén directamente dos grupos de música locais. Unha demanda que levan esixindo desde fai tempo e que co voto en contra do goberno municipal non obteñen ningún tipo de compromiso para o acondicionamento dun local de ensaio que cumpra as condicións mínimas esixidas para esta finalidade.

Neste mesmo pleno, o voceiro do grupo municipal do BNG non puido facer as preguntas ás que ten dereito en cada pleno, xa que o alcalde deuno por finalizado antes de que Fran Devesa puidese realizar as preguntas que tiña preparadas, mostrando unha vez máis o pouco rigor democrático e a falta de vontade de debate de quen preside os plenos.

O goberno municipal vota en contra da moción presentada polo BNG solicitando a creación dun local de ensaio para os grupos de música locais