O BNG de Valga propón crear un local de ensaio digno e contar cos músicos locais na programación cultural municipal

20241015

O grupo municipal nacionalista presentará no próximo unha moción no vindeiro pleno solicitando ao goberno municipal o acondicionamento dalgunha instalación para convertelo nun local de ensaio que cumpra os requisitos mínimos esixidos para esta finalidade

O BNG de Valga propón crear un local de ensaio digno e contar cos músicos locais na programación cultural municipal

A demanda dun local de ensaio, nun emprazamento axeitado e cunha dotación material suficiente, é algo que os músicos locais levan demandando desde fai tempo. Valga é unha canteira de músicos excepcionais, desde a música clásica até os sons máis actuais. Nisto xogou un papel moi importante a Escola de Música Municipal, que como non debe ser doutra maneira, conta co recoñecemento do BNG de Valga.

Hai outras correntes musicais (electrónica, rock, punk, pop...) que fan de Valga tamén un referente galego neste eido. Alto Volta, Bloody Sunrise, Cazador, Copa Turbo, Músculo!, Noise Project, Nox, Satenta, Yoplay, entre outros, son algúns dos grupos formados ou con integrantes de Valga, e que levaron e continúan levando o nome do concello polas vilas e festivais do país, do estado e incluso por Europa adiante.

Sen embargo, as persoas que tocan estes estilos musicais, pouco ou ningún apoio teñen por parte do goberno municipal do Partido Popular, limitándose a ceder unha antiga vivenda dos profesores en Baño, que non cumpre as condicións mínimas esixidas para este fin. A instalación eléctrica e a iluminación atópanse nun estado moi deficiente, a falta de ventilación provoca que haxa humidades, non conta con insonorización, ao que se lle engade agora a limitación horaria, pois desde fai unhas semanas está prohibido ensaiar máis alá das 10 da noite. Isto último imposibilita o seu uso polos músicos, xa que moitos deles teñen traballos con horarios que ocupan parte da tarde. Para facilitar o uso de varios grupos ou artistas, sería necesario proceder tamén ao equipamento do local con micrófonos, amplificadores ou unha batería.

Por todos os problemas enumerados anteriormente, o BNG defende que Valga precisa ter un local de ensaio en condicións que permita atender as demandas de grupos e músicos locais. Ademais das carencias descritas, súmase a falta de apoio do actual equipo de goberno cara aos grupos musicais valgueses, que nunca son tidos en conta á hora de realizar a programación cultural municipal.

Poro todo o exposto anteriormente, o grupo municipal do BNG de Valga presentará unha moción no vindeiro pleno solicitando que se acondicione un local de ensaio digno en condicións onde poidan ensaiar os grupos de música do municipio, apostando pola autoxestión do local por parte dos usuarios deste, e que se conte cos grupos locais á hora de realizar a programación cultural municipal.

O BNG de Valga propón crear un local de ensaio digno e contar cos músicos locais na programación cultural municipal