O BNG reclama asegurar prazas que beneficien aos veciños e veciñas de Valga na anunciada residencia privada da Gándara

20260606

Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, deixa claro que “non renunciamos a un modelo que garanta o acceso universal, con prezos asumibles e criterios sociais por riba dos intereses estritamente económicos, é dicir, unha residencia 100% pública”

O BNG reclama asegurar prazas que beneficien aos veciños e veciñas de Valga na anunciada residencia privada da Gándara

Desde o BNG de Valga lévase tempo defendendo, como unha prioridade irrenunciable, a creación dunha residencia pública para as persoas maiores do concello. A formación nacionalista sostén que os coidados e a atención á dependencia deben ser un piar fundamental do estado do benestar e unha responsabilidade directa das administracións públicas. O acceso a unha vellez digna e atendida non pode, baixo ningún concepto, depender da capacidade económica de cada familia.

Neste sentido, o anuncio da construción dunha residencia privada na Gándara recibe unha valoración inicialmente positiva, dado que a creación un centro residencial é unha demanda histórica e urxente para moitas familias de Valga. Porén, o BNG deixa claro que non renuncia ao seu modelo e seguirá esixindo un sistema que garanta o acceso universal, con prezos asumibles e criterios sociais por riba dos intereses estritamente económicos, é dicir, unha residencia 100% pública.

A principal cuestión que debe aclararse é que garantías terán os veciños e veciñas de Valga. É imprescindible que existan mecanismos que dean preferencia ás persoas valguesas no acceso ás prazas e que permitan que estas sexan economicamente accesibles. Non vale de nada anunciar unha residencia en Valga, para que despois moitas persoas maiores non poidan acceder a ela por razóns económicas.

A principal cuestión que o goberno municipal debe aclarar son as garantías reais que terá a veciñanza de Valga. O obxectivo prioritario debe ser a atención á poboación local, evitando que o municipio sexa simplemente o lugar onde se sitúa o edificio. Débense coñecer se existirán mecanismos de discriminación positiva que dean preferencia no acceso ás prazas ás persoas empadroadas no concello, e que estas resulten economicamente accesibles. Non serve de nada anunciar a construción dunha residencia se despois a maioría dos persoas maiores valguesas quedan excluídos por razóns económicas.

Tal e como manifestaron os representantes da empresa, da Xunta e do propio Concello, o proxecto parte dunha iniciativa estritamente privada, polo que nunca funcionará como un centro público. Precisamente por iso, solicítase total transparencia: é necesario aclarar cantas prazas serán concertadas coa administración, que condicións se esixirán para acceder a elas e que beneficios directos e tanxibles obterá a poboación de Valga.

Outra cuestión que xera unha fonda preocupación é a total ausencia de prazos concretos. A presentación deste proxecto faise a menos dun ano das eleccións municipais e sen que se coñeza en absoluto o seu calendario de execución: cando comezarán as obras, cando estará rematado o edificio e en que data previsible entrará en funcionamento. A cidadanía de Valga non merece promesas no aire, senón unha planificación realista e rigorosa dos pasos que quedan por diante.

A maiores, urxe aclarar a situación urbanística dos terreos e os trámites precisos para facer viable o proxecto. A poboación ten dereito a saber se serán necesarias modificacións no PXOM ou outros procedementos administrativos complexos que poidan dilatar o proceso durante anos. Igualmente, debe poñerse sobre a mesa quen asumirá os custos asociados á dotación de servizos e, no seu caso, que participación económica terán as distintas administracións. Se se van destinar recursos ou facilidades públicas para impulsar un negocio privado, o mínimo esixible son compromisos e contraprestacións sociais para a xente de Valga.

Por último, resulta cando menos sorprendente e sumamente criticable que un proxecto destas dimensións fose tramitado en absoluto segredo. Presentouse sen información previa nin explicacións aos veciños e veciñas, e ocultándollo deliberadamente aos grupos políticos que forman parte da corporación municipal. As xestións correctas non precisan esconderse; a opacidade só xera desconfianza.

Desde o BNG de Valga agárdanse respostas claras e inmediatas. Lévase anos reclamando un espazo digno para os maiores e búscase que esta demanda histórica se converta nunha realidade beneficiosa para o concello. Por iso, solicítase formalmente coñecer os prazos, as condicións do proxecto e, sobre todo, as vantaxes e garantías sociais coas que contará a veciñanza para acceder á residencia, porque o beneficio para Valga ten que ir moito máis alá da simple proximidade xeográfica do edificio.

O BNG reclama asegurar prazas que beneficien aos veciños e veciñas de Valga na anunciada residencia privada da Gándara