O BNG sitúa unha residencia de maiores pública como a maior prioridade para Valga
O actual goberno municipal continúa a situar as súas preferencias noutro lugar, apostando por grandes obras onde se invisten millóns de euros en proxectos que non deberían ser prioritarios, evidenciando unha falta de planificación nas cuestións esenciais e unha desconexión coas necesidades reais
A proposta parte dunha realidade demográfica de Valga, que ao igual que o conxunto do resto da comarca do Baixo Ulla e de todo o país, presenta un forte envellecemento da súa poboación, cunha porcentaxe de persoas maiores de 65 anos que alcanza o 25%, nunha tendencia que continuará aumentando nos vindeiros anos. Esta realidade require respostas públicas á altura, planificadas e con financiamento suficiente.
Neste contexto, o BNG de Valga defende que a prioridade debe ser reforzar os coidados no fogar, permitindo ás persoas maiores permanecer na súa casa até o máximo que lles sexa posible. Para isto, proponse ampliar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para eliminar a alongada listaxe de agarda que existe en Valga, e que fai que as familias teñan que esperar para a asignación dunha coidadora meses, e ás veces incluso anos. Neste sentido, o BNG de Valga sinala tamén que o financiamento do SAF debería ser asumido de maneira íntegra pola Xunta de Galiza, ao tratarse dun servizo esencial, evitando así que o seu custo sexa asumido de forma desproporcionada nos concellos.
Con todo, esta aposta polos coidados no fogar debe complementarse cun centro residencial de titularidade e xestión pública. Valga precisa urxentemente contar cunha residencia para persoas maiores, e así evitar que moitas familias teñan que buscar solucións fóra do concello ou asumir custos elevados en centros privados. Para o BNG de Valga, esta situación evidencia a necesidade de apostar decididamente por unha residencia pública, garantindo unha atención accesible, de calidade e non condicionada pola capacidade económica das familias. O coidado das persoas maiores non pode depender de quen teña a capacidade económica para pagar máis; debe ser un servizo garantido e non un ben de consumo.
Mentres estas necesidades básicas seguen sen unha resposta real, o actual goberno municipal continúa a situar as súas prioridades noutro lugar, apostando por grandes obras onde se invisten millóns de euros, como o proxecto para a construción dun parque acuático en Porto Piñeiro, a maior partida nos orzamentos municipais deste ano ,e sobre o que o actual goberno non foi quen de demostrar a súa viabilidade, nin a súa capacidade de mantemento a medio e longo prazo. Esta forma de actuar evidencia unha falta de planificación nas cuestións esenciais e unha desconexión coas necesidades reais das veciñas e veciños.
Para facer viable o proxecto, o BNG de Valga propón a cesión de terreos municipais á Xunta de Galiza e a sinatura dun convenio de colaboración, que permita financiar a construción da residencia, así como a súa integración na rede pública dependente da propia Xunta. Desde o punto de vista urbanístico, o BNG identificou e comprobou a idoneidade duns terreos de titularidade municipal e que compren con todos os requisitos urbanísticos. Trátase dunha parcela coa referencia catastral 36056A029007260000AQ, de 6.608 metros cadrados, e na que se localizaba o antigo campo de fútbol do Pino. Esta ten unha clasificación urbanística dotacional, totalmente compatible coa construción dunha residencia pública.

En definitiva, esta proposta combina dúas liñas fundamentais: por unha banda, reforzar os coidados no fogar como primeira opción, e por outra, crear unha infraestrutura pública que dea resposta cando ese coidado xa non é suficiente, evitando que as persoas maiores teñan que abandonar Valga. Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG, “o goberno municipal de Valga leva anos sen planificar algo tan básico como o coidado das persoas maiores. Nós propoñemos facelo con seriedade: máis apoio ás familias, máis servizos no fogar e unha residencia pública para Valga. Esta debería ser a prioridade absoluta no investimento e na dedicación dos recursos municipais”.

