O BNG de Valga propón o reforzamento dos servizos socias e esixe a cobertura da praza de dirección do Centro de Información á Muller e suplir a baixa dunha traballadora social
A falta de vontade do goberno municipal para cubrir as prazas vacantes en servizos sociais, ademais de ser unha mostra preocupante da desatención por parte do goberno municipal respecto das necesidades básicas da veciñanza, implica tamén a perda de subvencións
A dirección e coordinación do Centro de Información á Muller (CIM), o posto dunha traballadora social ou a cobertura da praza de educadora familiar, son algunhas das vacantes que existen na área de servizos sociais e que o goberno municipal se nega a cubrir.
O CIM presta servizo en horario de tarde nas instalacións do Centro Ocupacional de Discapacitados (CODI), contando cun servizo de asistencia psicolóxica, contratado á empresa Arabías por un importe de 14.297 euros anuais, e un servizo asistencia xurídico contratado a Ángela Fernández Mosquera por un importe de 12.584 euros anuais. Sen embargo, desde que a última directora e coordinadora do CIM deixou o seu traballo, este posto non se cubriu, polo que actualmente se está a prestar un servizo moi en precario na atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade e vítimas da violencia machista. A precariedade é tal que as chamadas realizadas ao teléfono do centro non son respondidas directamente por persoal cualificado pertencente ao CIM, non respectando deste xeito a imprescindible confidencialidade, o anonimato e a privacidade das persoas usuarias.
No referente aos servizos sociais municipais, non se está cubrindo a baixa da traballadora social responsable de atender ás veciñas e veciños das parroquias de Setecoros, Valga e Xanza. Isto supón unha falta de atención importante, principalmente para as persoas maiores solicitantes do Servizo de Axuda no Fogar, e por extensión as súas familias que quedan desentendidas. Coa falta de persoal actual estanse a producir atrasos e acumulación de traballo excesivo para os traballadores municipais. Os BNG de Valga leva xa tempo recibindo queixas de veciños e veciñas que se ven totalmente desamparados ao non saber cando nin quen os vai atender, recibindo respostas confusas en moitos casos, nos que se lles dixo literalmente que a traballadora social non estaba por motivos persoais e non foron derivados a ningunha outra, quedando en nunha listaxe de agarda que non parece avanzar a xulgar polas semanas de espera que acumulan para simplemente ser recibidos de xeito presencial. A única maneira coa que os veciños poden combater esta situación é presentando reclamacións que semellan non ter resultados, xa que o servizo non está aínda restablecido e non recibiron ningún tipo de resposta nin explicación dos motivos.
Malia que nalgún momento o Concello de Valga si contou cunha educadora familiar, desde fai tres anos non se está prestando este servizo, que sen embargo, si é demando por moitas familias. Ofrecería un asesoramento e apoio ás familias que teñen algún tipo de dificultade no desempeño das súas funcións familiares (atención, coidado e/ou educación dos menores, organización do núcleo de convivencia…) ou en calquera outro aspecto que dificulte o desenvolvemento axeitado dos membros e a vida familiar e social. Desde o BNG de Valga solicitaremos a contratación dunha educadora familiar por ser esta unha figura que axuda ás persoas vulnerables ou en risco a mellorar a súa situación, facilitando o benestar social grazas ao seu apoio emocional, recursos prácticos e acción socioeducativa.
Outra das consecuencias que se derivan da falta de cobertura dos postos de traballo enumerados anteriormente é que moitos dos gastos son subvencionados pola Xunta e o goberno do Estado, polo que o Concello de Valga veríase obrigado a devolver os importes económicos recibidos.
Ademais das vacantes existentes en servizos sociais e enumeradas anteriormente, os postos de axente de desenvolvemento local e educación para adultos tampouco están sendo cubertos, malia a baixa prolongada dos seus titulares. Esta inacción para proceder á cobertura de postos vacantes, son unha mostra da falta de compromiso por parte do goberno municipal do Partido Popular cara as necesidades básicas da veciñanza e que agravan problemas sociais que requiren intervención urxente e profesional.