O BNG de Valga reclama priorizar os servizos básicos fronte a proxectos como Porto Piñeiro

20250908

Mentres en Valga faltan limpeza, mantemento e servizos sociais básicos, o goberno municipal do Partido Popular aposta por unha obra de 14 millóns de euros sen interese real para a veciñanza

O BNG de Valga reclama priorizar os servizos básicos fronte a proxectos como Porto Piñeiro

É moi importante que o Concello de Valga aspire a impulsar infraestruturas que fortalecen o turismo e as zonas de lecer para os veciños e veciñas. Con todo, esa ambición debe estar suxeita a unha xestión prudente, realista e, sobre todo, adaptada á realidade financeira e organizativa do noso concello.

Na actualidade, Valga acumula unha débeda de máis de 3 millóns de euros, o que revela unha situación crítica de liquidez e solvencia nas contas públicas. O Tribunal de Cuentas xa advertiu dunha situación moi preocupante, cun remanente de tesourería para gastos xerais negativo, que se disparou un 270 % en relación ao exercicio anterior. Pola súa parte, segundo datos do Banco de España, a débeda pública de Valga alcanzou en 2024 os 663.350 €, cun incremento do 44 % respecto o ano anterior. Estes números advirten que a situación financeira do Concello de Valga é grave.

Todos e todas poden comprobar no día a día a falta de mantemento e limpeza das infraestruturas e dos espazos públicos en Valga. Non hai recursos nin persoal suficiente para garantir unha conservación digna das instalacións municipais. Esta realidade de abandono mostra con claridade que o actual goberno municipal de Valga non está en condicións de atender o básico, e que antes de falar de proxectos de tantos cartos públicos debería centrarse en cubrir esas carencias urxentes.

Neste contexto, chega o proxecto de reconversión da antiga barreira de Porto Piñeiro nunha especie de parque acuático, cun orzamento estimado en 14 millóns de euros. No 2023 xa se puxeron en marcha actuacións iniciais, sendas peonís, mobiliario, parque infantil, plantacións e un peche de seguridade. Posteriormente foron chegando novas partidas, 574.990 € para a creación dunha praia artificial con fondos europeos Next Generation, 902.375 € para unha piscina e o acondicionamento da zona norte da lagoa, ademais doutras axudas previas. En total, o Concello de Valga leva xa acumulados case 3 millóns de euros metidos neste proxecto.

Desde o BNG advírtese de que a dia de hoxe, Valga non ten nin os medios nin a capacidade organizativa para manter en boas condicións un espazo de semellante envergadura. Mentres os servizos municipais máis básicos están desatendidos, ou directamente abondados, faise un investimento que non dá resposta ás necesidades reais e prioritarias dos veciños e veciñas de Valga. O risco é que Porto Piñeiro se converta nun novo espazo público degradado ao pouco tempo, como xa ocorre noutros lugares, mais cun agravante, que esta vez se trata dun proxecto de 14 millóns de euros de cartos públicos.

Cómpre insistir que non se trata de rexeitar calquera iniciativa turística, senón de garantir que estas sexan viables, sostibles e acordes cos recursos dun concello que xa ten dificultades para manter o que posúe. O que Valga precisa con urxencia é reforzar a limpeza, o mantemento, a conservación das infraestruturas existentes e os servizos sociais básicos, non un proxecto que pode hipotecar máis os recursos de Valga.

Ademais, Porto Piñeiro presenta unha serie de riscos engadidos pola súa orixe como barreira e como mina a ceo aberto, fondos irregulares, calidade da auga incerta e unha esixencia permanente de intervencións técnicas custosas. Sen garantir estes aspectos, ofrecer zonas de baño ou infraestruturas complementarias podería ser non só insostible, senón tamén perigoso para a poboación.

O BNG de Valga aspira sempre a mellorar Valga, pero primeiro hai que resolver as necesidades reais e urxentes e os servizos públicos básicos, mantemento de espazos e atención social. Só despois, e de forma sostible, poderíanse avaliar proxectos mais realistas e necesarios, e sempre contando coa opinión e participación nas decisións dos veciños e veciñas.

Proxectos como o de Porto Piñeiro non responden ás necesidades de Valga, senón a un estilo de gobernar que adxudica sempre á mesma empresa o maior número posible de millóns para vender unha foto, sen planificación nin previsión de mantemento. E os veciños e veciñas saben que sen medios, sen persoal de limpeza e mantemento e cun concello endebedado, Porto Piñeiro pode rematar sendo un lastre para as contas públicas e un espazo abandonado máis.

O BNG de Valga reclama priorizar os servizos básicos fronte a proxectos como Porto Piñeiro