O Concello de Valga paga 6.000 euros por un Plan de Igualdade que resulta ser un copia e pega do anterior

20240307

No documento aprobado en solitario polo Partido Popular, máis do 70% das accións contempladas no Plan de Igualdade son exactamente as mesmas que no anterior plan, é dicir, sete de cada dez accións propostas agora xa foran incluídas no ano 2017

O Concello de Valga paga 6.000 euros por un Plan de Igualdade que resulta ser un copia e pega do anterior

No pleno ordinario celebrado o 6 de marzo de 2024 debateuse a aprobación do “V Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Valga 2023-26”, plan que substituirá ao anterior, finalizado en 2021.

Para tramitar este V Plan de Igualdade, o equipo de goberno do Partido Popular aprobouno na Xunta de Goberno Local do 8 de novembro de 2023, como unha proposta de urxencia, polo que este documento non foi nin tan sequera a unha Comisión Informativa previa á celebración do Pleno. Na propia acta da Xunta de Goberno Local consta que o plan vaise “someter a ratificación polo Pleno da Corporación na primeira sesión que este celebre, sexa ordinaria, extraordinaria o extraordinaria e urxente”. Pois ben, desde esta data xa se tivo celebrado un pleno o 21 de decembro de 2023, e non foi incluído na orde do día. Tamén se facía referencia a “difundir o devandito plan entre todos os colectivos interesados aos efectos oportunos”. Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, preguntou cales foron as razóns para non ser levado a pleno antes e a cantos colectivos foi difundido o Plan de Igualdade, mais o alcalde non quixo responder a ningunha destas cuestións.

O 1 de decembro de 2023 a empresa Servicios Integrales de Formación, S.L. emitiu unha factura por valor de 5.916,90 euros pola elaboración do “V Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Valga 2023-26”. Isto significa que dito plan levaría, na teoría, feito desde o 1 de decembro, mais nada fixo o equipo de goberno para a súa difusión, nin se lle deu traslado deste documento ao resto dos grupos políticos ou a colectivos locais para a súa análise e a posible incorporación de melloras a este. Salientar que a empresa encargada da redacción do Plan de Igualdade é a mesma que realizou as actividades incluídas no Plan Corresponsables (actividades de conciliación) por valor de 41.785,39 euros, e que emitiu catro facturas sen ten sequera o Concello ter aberto un expediente de contratación.

Cun plan caducado desde 2021 e a dous días do 8 de marzo (Día Internacional da Muller), lévase a pleno a súa aprobación, ao igual que cando foi á Xunta de Goberno Local o 8 de novembro, a poucos días do 25 de novembro (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres). Isto demostra que este plan foi feito ás presas e pechado ás achegas da veciñanza, grupos políticos e colectivos sociais.

En comparación co plan anterior, realizado por Marcela Santorum, naquel momento psicóloga do CIM (Centro de Información á Muller), o documento actual é practicamente un copia e pega do anterior. Analizados polo miúdo os dous plans, máis do 70% das accións contempladas no actual son exactamente as mesmas, é dicir, sete de cada dez accións propostas agora xa foran incluídas no anterior Plan de Igualdade. Isto pon de manifesto que se trata dun documento moi xenérico polo que se pagaron cases 6.000 euros, e aínda por enriba, unha copia parcial do anterior. Preguntado o alcalde polo grao de cumprimento do Plan de Igualdade 2017-2021, novamente non houbo reposta.

Un exemplo da falta análise da situación actual e a contextualización do Plan de Igualdade 2023-2026 é que non se fai ningunha referencia ao número de vítimas de violencia machista ocorridos en Valga, un concello que sofre unha perda continua de habitantes e un avellentamento da poboación alarmantes. Outro dato moi preocupante é que seis de cada dez persoas que están en situación de desemprego son mulleres.

Desde o labor de fiscalización ao equipo de goberno do Partido Popular, mais tamén desde unha oposición construtiva, o BNG de Valga fixo propostas para que puideran ser incluídas neste novo plan. Dentro das accións de concienciación e sensibilización cos centros educativos, Fran Devesa propuxo a inclusión de obradoiros ou charlas sobre a educación afectivo-sexual, ferramentas moi importantes para que as nenas poidan construír unha relación san e poder evitar así as violencias machistas. Outra proposta foi no punto sobre o obxectivo específico para promover a saúde integral das mulleres, onde en ningún momento se fala das enfermidades infradiagnosticadas e infratratadas que sofren a inmensa maioría das mulleres, como pode ser a dor de regra. Tamén se propuxo, dentro das accións para incorporar a perspectiva de diversidade sexual e de xénero, a inclusión de medidas máis ambiciosas para a posta en marcha de estratexias á atención da diversidade sexual e a loita contra a LGTBIfobia, máis alá de intencións xenéricas sen concreción.

Por todo o exposto anteriormente, e por non ser recollidas ningunha das propostas realizadas polo BNG de Valga, os concelleiros nacionalistas votaron en contra dun Plan de Igualdade xenérico, pouco ambicioso e escandalosamente copiado do anterior.

A presentación por parte do equipo de goberno do Partido Popular dun documento moi deficiente é unha mostra máis da falta de ambición en materia de igualdade, a mesma que cando colocan sinais de tráfico coa mensaxe “Contra o matrato” ou fan carteis co lema “Si ao respecto” e non se atreven a engadir a palabra machista, boa mostra da resistencia do Partido Popular a chamarlle ás cousas polo seu nome.

Xa que o Concello de Valga non fixo público este V Plan de Igualdade, facendo clic aquí podes consultalo e comprobar por ti mesmo as deficiencias deste.

O Concello de Valga paga 6.000 euros por un Plan de Igualdade que resulta ser un copia e pega do anterior