A última licitación publicada polo goberno municipal de Valga para a execución dunha obra incumpre novamente a Lei de Contratos do Sector Público

20250122

As melloras que se valoran no prego de cláusulas administrativos particulares, redactado polo actual adxudicatario do servizo de asesoría xurídica municipal, están xa definidas no proxecto técnico, o que suporía un incremento irregular do volume de obra

A última licitación publicada polo goberno municipal de Valga para a execución dunha obra incumpre novamente a Lei de Contratos do Sector Público

O 17 de xaneiro de 2025 o Concello de Valga publica no portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación para a obra “Continuidade de senda peonil e reorganización de cruce Carballiño-Sixto. Xanza”. Este contrato ten por obxecto “a continuidade da senda peonil, así como a reorganización do cruce Carballiño-Sixto ca finalidade de mellorar a seguridade e accesibilidade dos peóns que se ven obrigados a descorrer a miúdo pola estrada”, cun orzamento base de licitación de 116.042,61 euros.

O prego de cláusulas administrativos particulares fixa nos criterios cuantificables automaticamente varias melloras, outorgándolle a metade dos puntos totais da licitación. Estas melloras consisten en 16 unidades de obra, das cales 15 están xa definidas no proxecto técnico asinado polo arquitecto municipal e nos pregos de condicións técnicas, polo que se está incumprindo o artigo 147.7 da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público. Deste xeito, estaríase valorando a realización dun maior volume de obra da prevista en proxecto e no contrato polo prezo de licitación ofrecido, tendo en conta que os contratos de obras refírense á execución dun proxecto que definirá con precisión o obxecto do contrato, sen que sexa posible referir as ofertas a un maior volume de obras comprendidas nas melloras.

Esta non é a primeira vez que unha licitación realizada polo goberno municipal contén irregularidades. En xuño de 2024, o Concello de Valga veuse na obriga de anular un concurso por irregularidades nas bases e infrinxir a Lei de Contratos do Sector Público, tras un recurso interposto polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

En decembro de 2024, o BNG de Valga denunciou que a nova licitación do servizo de limpeza dos edificios e instalacións municipais do Concello de Valga non fixaba ningún criterio para determinar o carácter desproporcionado do prezo ofertado e tampouco parámetros obxectivos que sinalen unha anormalidade respecto da totalidade da oferta. 

O responsable da redacción dos pregos de cláusulas administrativas de todas as licitacións municipais é o despacho de avogados Martín Gómez Abogados, S.L.U., o actual adxudicatario do servizo de asesoría xurídica municipal, o mesmo ao que o Concello de Valga abonou os gastos xudiciais derivados de procesos penais que afectaron ao alcalde e ao secretario, malia que este servizo ten incluída a defensa xurídica.

Unha vez máis, o goberno municipal do Partido Popular de Valga redacta uns pregos de condicións para unha licitación que incumpren a Lei de Contratos do Sector Público, coa inseguridade xurídica e administrativa que isto supón, afectando negativamente á calidade das ofertas presentadas polas empresas, e finalmente, á execución final dunha obra que debería estar finalizada xa fai meses.

A última licitación publicada polo goberno municipal de Valga para a execución dunha obra incumpre novamente a Lei de Contratos do Sector Público