Anulan unha licitación do Concello de Valga por irregularidades nas bases e infrinxir a Lei de Contratos do Sector Público

20240629

Tras o recurso interposto polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o goberno municipal vese na obriga de anular un concurso cuxas bases inclúen unhas melloras que supoñen un 48% dos puntos, máis de 45 puntos por enriba do permitido pola lei

Anulan unha licitación do Concello de Valga por irregularidades nas bases e infrinxir a Lei de Contratos do Sector Público

O 18 de abril de 2024 publicábase na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación “Redacción proxecto de creación de senda peonil e ciclable dende o lugar de Castiñeiras ata o núcleo de Ponte Valga”, cun orzamento base de 55.000 euros. Unha vez valoradas as ofertas, o 15 de maio de 2024 publícase un decreto asinado polo alcalde, secretario e interventor no que, en base aos informes de valoración, propoñíase a adxudicación a Jesús Ángel Martínez Espiñeira.

Cinco días despois da proposta para adxudicar o contrato, o 20 de maio de 2024, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia presentaba un recurso de reposición en impugnación do Concello de Valga para adxudicar o contrato de servizos citado anteriormente. Os principais motivos de impugnación foron:

  • As melloras que se valoraban como criterios de adxudicación no entendemento de que as mesmas infrinxían a regulación sobre as melloras ao non supoñer unha perfección do contrato senón que, na opinión do COAG, supoñían prestacións totalmente independentes que excedían do obxecto do contrato distorsionando o equilibrio económico do mesmo.
  • O subcriterio de adxudicación consistente en “coñecemento do entorno a través de traballos e proxectos realizados na Administración Local de Valga”, no entendemento que supón infracción dos principios fundamentais da contratación pública, como son o principio de igualdade e non discriminación e a liberdade de acceso ás licitacións, por tratarse dun criterio de “arraigo territorial”.

A petición do Concello de Valga, o 7 de xuño de 2024 emítese un informe xurídico asinado por polo servizo externo de asesoramento xurídico contratado polo concello, no que se conclúe que se debe anular o proceso de licitación e desistir do proceso de adxudicación.

Finalmente, o 19 de xuño de 2024, mediante un decreto asinado polo alcalde recoñécese a irregularidade na licitación por corresponder máis puntuación aos criterios dependentes de xuízo de valor que a criterios automático, os criterios de adxudicación engadidos como melloras non poden representar máis do 2,5% dos puntos. Sen embargo, nas bases redactadas polo goberno municipal, as melloras supoñen un 48% dos puntos, máis de 45 puntos por enriba do que permite a Lei de Contratos do Sector Público. Tamén se recoñece a infracción respecto dun dos criterios valorativos, pois atenta contra o principio de igualdade, non discriminación e libre concorrencia previstos no artigos 1 e 132 da Lei 9/2017, de Contratos do Sector Público.

Isto é unha nova mostra da deficiente xestión administrativa e económica que realiza o goberno municipal e que fai que o Consello de Contas tivera ao Concello de Valga dentro do seu programa de fiscalizacións para o ano 2024. Malia autodenominarse como “bos xestores”, exemplos como este únense a outros como o do concurso da escola infantil que foi declarado deserto dúas veces (incluída unha renuncia da empresa proposta por ofertar menos persoal que o esixido nos pregos de condicións) ou o aumento imparable do período medio de pagamento a provedores que pasou de 35 días no cuarto trimestre de 2016 a case 143 días no primeiro trimestre de 2024.

Anulan unha licitación do Concello de Valga por irregularidades nas bases e infrinxir a Lei de Contratos do Sector Público