O Partido Popular sube a asignación económica pola asistencia ás polémicas Comisións de Coordinación
Malia o demoledor informe do Consello de Contas de marzo de 2023, no que se indicaba que estas comisións “non se adecúan á legalidade”, o Alcalde non só volve crealas, senón que aumenta a retribución económica pola asistencia semanal dos concelleiros do Equipo de Goberno
O pasado xoves 30 de xuño celebrouse o Pleno Extraordinario no que estableceu a organización pola que se rexerá o Concello durante o período 2023-27.
Fran Devesa, o noso voceiro, comezou coas seguintes palabras:
“Antes de nada, como é a miña primeira intervención neste Pleno, quixera agradecer a benvida tanto aos compañeiros do PSOE, como aos do Partido Popular.
Desculpade se nalgún momento me equivoco ou non consigo explicarme ben, xa que temos que poñernos ao día no funcionamento desta institución, porque aínda acabamos de aterrar no Concello.
Esperamos estar á altura de todas e todos os veciños, dos que nos votaron, e dos que non.
Moitas grazas, e sen máis, comezamos a traballar polo ben de toda a veciñanza e o futuro de Valga”.
A continuación indícanse os asuntos da orde do día e expóñense os argumentos xustificativos do sentido do voto dos concelleiros do BNG de Valga.
Aprobación da acta da sesión constitutiva da Corporación
Votamos a favor da acta da sesión de constitución da nova Corporación Municipal celebrada o día 17 de xuño de 2023. Nese día, os nosos concelleiros, Fran Devesa e Miguel Lois, prometeran o seu cargo (por imperativo legal) e comprometéronse “a defender os dereitos e intereses xerais das veciñas e veciños de todas as aldeas das parroquias de Campaña, Cordeiro, Setecoros, Valga e Xanza, e do Pobo Galego”.
Composición dos grupos políticos e portavoces
Tras realizar a correspondente solicitude, o BNG de Valga constitúese en Grupo Político propio, no que Fran Devesa será o seu voceiro.
Establecer a periodicidade das sesións plenarias
O noso voto foi favorable á proposta de periodicidade na celebración das sesión ordinarias do Pleno do Concello de Valga. Estas sesións serán o último luns de cada mes dos meses pares, fixándose para a súa celebracións as 20:10 horas.
Dar conta do nomeamento dos membros da Xunta de Goberno Local
Os membros da Xunta de Goberno Local, cunha frecuencia de reunión semanal, serán os seguintes concelleiros do Partido Popular: Román Castro Castromán, Carmen Gómez Pardal, José Ángel Souto Jamardo e Agustina Begoña Piñeiro Busto.
Dar conta do nomeamento dos tenentes de alcalde
Os tenentes de alcalde, quen substituirán ao alcalde nas súas funcións, serán os mesmos concelleiros que tamén forman parte da Xunta de Goberno Local: Román Castro Castromán, Carmen Gómez Pardal, José Ángel Souto Jamardo e Agustina Begoña Piñeiro Busto.
Dar conta das delegacións específicas aos concelleiros da Corporación
Segundo a proposta feita polo Alcalde, esta é a delegación de competencias pola que se rexerá o Equipo de Goberno:
- Obras, servizos, urbanismo, medio ambiente e desenvolvemento rural: Román Castro Castromán
- Educación formación, emprego e industria: Carmen Gómez Pardal
- Economía, facenda, contas e patrimonio: José Ángel Souto Jamardo
- Sanidade, benestar social e igualdade: Agustina Begoña Piñeiro Busto
- Turismo, novas tecnoloxías e escola de música: María Magdalena Isorna Sumay
- Cultura e xuventude: Pedro Calvo Blanco
- Deportes: Manuel Ferreiro Maneiro
- Protección civil, seguridade e interior: Álvaro Fernández Abalo
Creacións das Comisións Informativas
O BNG de Valga terá representación en todas as Comisións Informativas:
- Réxime Especial de Contas, Economía, Facenda e Patrimonio
- Obras, Servizos, Urbanismo e Desenvolvemento Rural
- Sanidade, Igualdade e Benestar
- Educación, Formación, Emprego e Industria
- Medio Ambiente, Protección Civil, Seguridade e Interior
- Cultura, Deportes, Xuventude e Turismo
A proposta presentada polo Alcalde foi a de celebrar estas reunións os luns, martes, mércores e xoves ás 13:10 horas. A periodicidade destas será como a dos plenos, cada dous meses, posto que estas comisións celebraranse con anterioridade a estes.
Desde o BNG de Valga “solicitamos que exista unha maior flexibilidade no horario das convocatorias, para que todas/os os membros que formen parte das Comisións Informativas non teñan incompatibilidade laboral coa celebración das mesmas, posto que a gran maioría das persoas que forman parte desta corporación temos traballos fóra da actividade municipal”. Así mesmo, o noso voceiro municipal, Fran Devesa, propuxo unha reunión dos voceiros de todos os grupos políticos para chegar a acordos que favorezan a asistencia a estas comisións.
Esta proposta non obtivo ningunha resposta por parte do Alcalde, polo que o BNG de Valga abstívose na votación deste punto.
Creación das Comisións de Coordinación
O Equipo de Goberno, facendo caso omiso aos informes e autos dos diferentes organismos de control, volve crear as Comisións de Coordinación para os próximos catro anos, cunha periodicidade semanal. Ademais, ningunha das recomendacións que o Consello de Contas plasmou no seu informe de marzo de 2023 se poñen en marcha.
Tal como se expón en dito informe, estas Comisións de Coordinación “non se adecúan á legalidade”, “conculcan a esixencia legal de que sexa un funcionario público o que actúa como Secretario da comisión de coordinación” e teñen unha “debilidade manifesta do control interno”.
Tal como manifestou o noso voceiro municipal, Fran Devesa: “Como nada disto se corrixe, senón que incluso se incide aínda máis na mesmas dinámicas e procedementos, o noso voto vai ser un rotundo non”.
O BNG de Valga votou en contra da proposta do Alcalde para a creación das Comisións de Coordinación.
Nomear representantes nos órganos colexiados
Os órganos colexiados existentes en Valga son os consellos escolares do Colexio CEIP Plurilingüe de Baño, o CRA de Valga, o Colexio CEP Plurilingüe Xesús Ferro Couselo e o Instituto de Educación Secundaria
Serán soamente os concelleiros do Partido Popular os que estarán representados nestes órganos colexiados, polo que ningún membro dos grupos políticos da oposición terá representación nos consellos escolares. Deste xeito, Carmen Gómez Pardal será a representante no colexio de Baño, no CRA e no Instituto; mentes que José Ángel Souto Jamardo será o representante no colexio de Cordeiro.
Durante o debate deste punto, Fran Devesa reclamou que “os representes designados hoxe aquí acudan a todas convocatorias dos consellos escolares”.
O sentido do voto do BNG de Valga, respecto á representación nos órganos colexiados, foi a abstención.
Determinación dos postos de persoal eventual
Por proposta do Alcalde, nomeouse persoal eventual a unha xornalista como “Responsable de novas tecnoloxías e comunicacións”, cunha retribución mensual líquida de 1.350 €, repartidos en 14 pagas. É dicir, contrátase a persoal externo (non funcionario) para facer as labores de comunicación (publicacións na web municipal, xestión das redes sociais...).
Esta é a mesma persoa que xa foi contratada nestes últimos catro anos, polo que desde o BNG de Valga esiximos que “faga unha labor exclusivamente informativa no ámbito municipal, evitando tomar partido, como se ven facendo até o de agora. Nós cremos que os medios públicos municipais están para ofrecer un servizo público á veciñanza, e non ao servizo do Partido Popular”.
Posto que o que se ven facendo até o de agora non ofrece ningunha garantía de que isto se poida corrixir, o voto foi en contra.
Determinación dos cargos con dedicación exclusiva
Por proposta do Alcalde, determináronse as seguintes dedicacións:
- Dedicación exclusiva para a Concelleira de educación, formación, emprego e industria, Carmen Gómez Pardal, que terá dedicación total (100%), cunha retribución mensual líquida de 1.400 €, repartidos en 14 pagas.
- Dedicación exclusiva para a Concelleira de sanidade, benestar social e igualdade, Agustina Begoña Piñeiro Busto, que terá dedicación total (100%), cunha retribución mensual líquida de 1.400 €, repartidos en 14 pagas.
- Dedicación parcial para a Concelleira de turismo, novas tecnoloxías e escola de música, María Magdalena Isorna Sumay, que terá dedicación parcial (50%), cunha retribución mensual líquida de 700 €, repartidos en 14 pagas.
- Dedicación parcial para a Concelleira de cultura e xuventude, Pedro Calvo Blanco, que terá dedicación parcial (50%), cunha retribución mensual líquida de 700 €, repartidos en 14 pagas.
Respecto a fai catro anos (*), os concelleiros con dedicación exclusiva cobraban 1.100 € líquidos e os que tiñan dedicación parcial 600 €, repartidos en 14 pagas. Comparado coa retribución proposta o pasado xoves, os primeiros verán incrementado o seu salario liquido anual en 4.200 € e os segundos en 1.400 €.
Neste punto do Pleno, Fran Devesa fixo unha reivindicación do traballo político remunerado: “Neste salón de plenos temos escoitado en máis dunha ocasión que aquí non se ven a facer política. Nós queremos reivindicar esta labor democrática de servizo público. Queremos dignificala e non denigrala, porque senón caeremos no risco de que a veciñanza confunda política con politiqueo. Desde o BNG de Valga reivindicamos que se poida cobrar un salario digno por levar a cabo esta labor, como calquera traballador, outro debate sería que esa labor se poida exercer mellor ou peor”.
Posto do o exposto anteriormente, o noso voto foi a abstención.
(*) Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra - Número 138 (19/7/2019) [+]
Determinación das asistencias e indemnizacións dos cargos electos a órganos colexiados
O último punto da orde do día foi a proposta do Alcalde sobre as asignacións por asistencia ás reunións dos órganos colexiados:
- Pleno: 85 € por sesión
- Xunta de Goberno Local e Comisións de Coordinación: 100,00 € por sesión
- Comisións Informativas: 55,00 € por sesión
- Mesas de Contratación: 55,00 € por sesión
A isto habería que engadir que o Presidente destes órganos colexiados, o Alcalde, cobrará 50 € a maiores por sesión, o que supón un aumento do 67% respecto a fai catro anos.
É cando menos sorprendente que o máximo órgano dun concello, o Pleno, teña unha asignación menor que as Xuntas de Goberno Local ou as polémicas Comisións de Coordinación. Hai que lembrar que é o Pleno quen escolleu ao Alcalde, e quen chegado o momento, podería tamén cambialo. Lembremos que nas Xuntas de Goberno Local e nas Comisións de Coordinación só están representados os membros do Equipo de Goberno e no Pleno si están representados todos os grupos políticos.
En comparación con fai catro anos, tanto o Pleno, como a Xunta de Goberno Local e as Comisións de Coordinación cobrábanse todas a 75 € por sesión. Por todo isto, Fran Devesa manifestaba que “non se entende que a asignación económica por asistencia ao Pleno sexa inferior á de outros órganos colexiados, cando este é o máximo órgano dun concello”.
O BNG de Valga votou en contra desta proposta.
Como representantes do BNG, os nosos dous concelleiros doan integramente a asignación económica por asistencia aos órganos colexiados ao partido. Unha das fortalezas do BNG consiste, precisamente, no xeito diferente, non convencional, de concibir a súa actividade política, fundamentada no esforzo colectivo da súa militancia e na non dependencia de lobbies económicos, banca, ou corporacións económicas.