O BNG de Valga pedirá explicacións sobre a arbitrariedade do proceso de selección dunha praza de asuntos sociais, deseñado para favorecer a contratación dunha persoa próxima a unha concelleira
As carencias deste departamento de Servizos Sociais non están tanto no persoal técnico, senón nas necesidades dos usuarios do Servizo de Axuda no Fogar, e sobre todo, na concesión definitiva de horas aos novos usuarios que están actualmente na listaxe de agarda
O pasado 27 de maio de 2025, o BNG de Valga denunciaba publicamente que as bases para a contratación dunha praza para técnico/a en "envellecemento activo e prevención da dependencia" ignoraban a formación neste ámbito e incluían un temario desaxustado á realidade do posto, no que se contiñan asuntos como o tráfico, o transporte, o medio ambiente, a educación, o urbanismo, o planeamento, as expropiacións ou as licenzas urbanísticas. Tamén se esixía como requisito estar en posesión do título de licenciado/a en Dereito, Economía ou Administración e Dirección de Empresas, excluído titulacións fundamentais como Traballo Social ou Educación Social, nunha aposta clara por un perfil xurídico-administrativo que nada ten que ver co traballo dos coidados e a mellora da vida das persoas maiores.
Só despois da denuncia pública do BNG, dun recurso de reposición presentado polo Colexio Oficial de Traballo Social e a presión social, o alcalde veuse obrigado a rectificar as bases apresuradamente, para finalmente incluír unha titulación que realmente si ten que ver coas funcións da praza. Todo isto xa apuntaba a que ditas bases puideran estar deseñadas a medida para unha persoa concreta que si estivera en posesión do título licenciado/a en Dereito.
Este proceso selectivo dunha praza de técnico/a encádrase nun convenio subscrito entre o Concello de Valga e a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galiza, retribuído con 33.050,50 euros. O departamento municipal de Servizos Sociais conta actualmente con tres traballadoras sociais e, en palabras do propio alcalde, “as necesidades deste departamento xa se encontran debidamente cubertas”. As carencias deste departamento non están tanto no persoal técnico, senón nas necesidades dos usuarios do Servizo de Axuda no Fogar, e sobre todo, na concesión definitiva de horas aos novos usuarios que están actualmente na listaxe de agarda, que en xuño de 2024 eran 30, número que na actualidade puidera ser aínda maior. Os 33.050,50 euros correspondentes ao importe do convenio asinado por Concello e Xunta para esta praza suporían máis de 1.500 horas na modalidade de dependencia ordinaria, unha mellora substancial do Servizo de Axuda no Fogar e tan necesaria para as decenas de usuarios que agardan na listaxe de agarda pola concesión de horas.
Este martes 17 de xuño de 2025, publicábase no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica do Concello de Valga a listaxe provisional de persoas admitidas ao proceso de selección, e que inclúen a soamente catro persoas, unha cifra moi baixa para este tipo de convocatorias de emprego público e indicativo de que o temario incluído nas bases actuou como un impedimento para a presentación de solicitudes. Esta listaxe provisional confirman as dúbidas que xeraban as bases, pois entre elas atópase unha persoa próxima a unha concelleira do goberno municipal do Partido Popular que, curiosamente, é licenciada en Dereito. Isto apunta, novamente, a un proceder xa visto noutras ocasións, procesos selectivos feitos a medida para favorecer a contratación dunha determinada persoa. Polo tanto, a creación desta praza non responde a ningunha necesidade obxectiva, tendo unicamente a finalidade de contratar a unha determinada persoa.
Non se pode normalizar que, en pleno ano 2025, o goberno municipal de Valga continúe a usar este tipo de artimañas que permiten o acceso ao emprego público se converta nunha axencia de contratación para amigos e familiares. Esta non é a primeira vez que se dan casos similares a este no Concello de Valga. Fai pouco máis de seis meses, a convocatoria dunha praza de arquitecto/a tivo que ser rectificada dúas veces tras denuncias do Colexio Oficial de Arquitectos e dos propios participantes do proceso de selección.
Os veciños e veciñas de Valga merecen procesos xustos e transparentes, que recoñezan o mérito, a formación e a vocación, garantido en todo momento a igualdade de oportunidades para todos e todas. O BNG de Valga seguirá loitando contra estas prácticas, para que calquera persoa teña as mesmas oportunidades e para que o goberno do Partido Popular poña fin aos tratos de favor e comece a traballar pola igualdade de todos os veciños e veciñas de Valga.

