O alcalde obrigado novamente a rectificar no proceso de selección da praza de arquitecto/a, despois de que un dos aspirantes presentase un recurso de reposición

20241211

Ante as présas por rematar o proceso de selección dun novo arquitecto/a, un dos aspirantes á praza presentou un recurso por non respectarse o prazo de 5 días hábiles entre a publicación das primeiras cualificacións e a fixación da data para a realización do exercicio práctico

O alcalde obrigado novamente a rectificar no proceso de selección da praza de arquitecto/a, despois de que un dos aspirantes presentase un recurso de reposición

O 22 de outubro de 2024 publicouse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o anuncio do Concello de Valga onde se anunciaba a convocatoria e as bases do proceso selectivo para cubrir a praza de arquitecto/a. Esta convocatoria viña a corrixir unha anterior que foi anulada tras a estimación do recurso presentado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia por “infrinxir as bases e os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade que deben rexer o acceso ao emprego público”.

Neste novo proceso selectivo para cubrir unha praza de arquitecto/a en réxime de persoal laboral, o Concello de Valga veuse de novo obrigado a rectificar, tras ser presentado un recurso de reposición por parte dun dos aspirantes a dita praza. Mediante decreto asinado polo alcalde e secretario o 10 de decembro de 2024, recoñecíase que se vulneraron as bases ao non respectarse o prazo de cinco días hábiles entre a publicación das cualificacións resultantes da corrección dos diferentes exercicios da fase de oposición e a fixación da data para a realización do segundo exercicio da fase de oposición.

O tribunal cualificador deste proceso selectivo, presidido por Juan José Vidal Vilanova (interventor do Concello de Valga), publicou a acta da valoración da fase de concurso (formación e experiencia profesional) e o primeiro exercicio teórico. Neste último, consistente en 100 preguntas tipo test sobre un temario de 68 asuntos, só un dos seis aspirantes acadou a puntuación mínima para poder realizar o segundo exercicio práctico. A puntuación obtida por esta persoa foi de 19 puntos sobre un total de 20, superando ao segundo por case 12 puntos.

Coa realización do segundo exercicio, ao que só accede unha persoa, probablemente se porá fin a un proceso selectivo marcado polos diferentes recursos presentados e que puxeron en cuestión os procedementos e a falta de transparencia que o goberno municipal de Valga empregou para a selección dun novo arquitecto/a.

O alcalde obrigado novamente a rectificar no proceso de selección da praza de arquitecto/a, despois de que un dos aspirantes presentase un recurso de reposición