O alcalde obrigado a anular as bases para a selección da praza de arquitecto/a, oito días despois de responderlle ao BNG de Valga que a valoración de méritos lle parecía xusta

20241010

Foi o BNG de Valga quen preguntou por este proceso selectivo no seguinte pleno á publicación das bases da praza de arquitecto/a, o cal foi anulado posteriormente tras a estimación parcial do recurso presentado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

O alcalde obrigado a anular as bases para a selección da praza de arquitecto/a, oito días despois de responderlle ao BNG de Valga que a valoración de méritos lle parecía xusta

O 30 de agosto de 2024 publicouse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o anuncio do Concello de Valga onde se anunciaba a convocatoria e as bases do proceso selectivo para cubrir a praza de arquitecto/a. En data 30 de setembro de 2024, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia presentou un recurso potestativo de reposición solicitando a suspensión do procedemento selectivo por “infrinxir as bases e os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade que deben rexer o acceso ao emprego público”.

Neste recurso alegábase principalmente dous aspectos. O primeiro é que a baremación dos méritos consistentes na formación, o concursante/opositor “non sabe en realidade e coa debida certeza xurídica a formación a valorar e cal é a concreta puntuación que se lle asignará”, ademais de que isto “xera unha total inseguridade xurídica e unha total indefensión en caso de estar en desacordo coa eventual puntuación que o aspirante obteña no proceso”.

O segundo punto recorrido é o referente á valoración do mérito consistente na experiencia profesional, alegando que “os termos en que se valora a experiencia profesional resultan discriminatorios e contrarios aos principios de igualdade, mérito e capacidade”. Segundo o exposto no recurso, “existe unha prevalencia absoluta e unha desproporción manifesta na valoración da prestación de servizos no propio concello de Valga tanto na categoría obxecto da convocatoria como noutras distintas en demérito da prestación de servizos na categoría obxecto da convocatoria noutras Administracións Públicas”. A todo isto, o colexio de arquitectos engade que “aínda é máis gravoso cando tamén lle outorga unha puntuación maior á experiencia en categorías distintas á da convocatoria adquirida no propio concello en demérito da experiencia na mesma categoría obxecto da convocatoria pero noutras Administracións Públicas o que resulta unha manifesta vulneración do principio de mérito e capacidade”.

No último pleno ordinario que tivo lugar o 1 de outubro de 2024, Fran Devesa, portavoz municipal do BNG de Valga, preguntou ao alcalde se consideraba xusto o sistema de puntuación do proceso selectivo para a praza de arquitecto/a, ante o que este limitouse a responder que “si”.

Posteriormente á pregunta realizada no pleno polo BNG, o avogado Manuel Martín García, pertencente ao despacho de avogados adxudicatario do Servizo de Asesoría e Postulación Xurídica do Concello de Valga, emitiu un informe con data 7 de outubro de 2024. Nel estimábase soamente unha parte do recurso presentado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o referido á valoración da experiencia profesional, manifestando que “a valoración debe ser idéntica se os servizos pertencen ao mesmo ámbito funcional e categoría, aínda que en distinta Administración”. Con respecto á valoración de méritos, na opinión dos servizos xurídicos municipais, “non existe infracción”.

Finalmente, o 9 de outubro de 2024, o alcalde non lle quedou máis opción que asinar un decreto no que anulaba as bases para selección dunha praza de arquitecto/a persoal laboral para o Concello de Valga, bases que tiveron que contar cun informe favorable do secretario municipal, o que engade unha maior gravidade ao asunto. Isto non deixa de ser unha nova mostra da deficiente xestión que realiza o goberno municipal do Partido Popular, e que se suma á anulación dunha licitación en xuño; á solicitude de alcalde, interventor e secretario para que o concello lle pague os gastos derivados dun proceso penal, malia contar este cun servizo xurídico propio; ou a máis recente perda dunha subvención de máis de 650.000 euros, e a consecuente obriga de devolver o anticipo corresponde á metade deste importe.

O alcalde obrigado a anular as bases para a selección da praza de arquitecto/a, oito días despois de responderlle ao BNG de Valga que a valoración de méritos lle parecía xusta