O BNG de Valga lamenta a falta de compromiso da Xunta de Galiza respecto da demanda para garantir a mellora da seguridade viaria no Alto de Cordeiro
O BNG de Valga entregará tamén na Subdelegación do Goberno en Pontevedra as sinaturas recollidas para reclamar un plan integral de mellora da seguridade viaria na N-550, ao seu paso por Ponte Valga
O BNG de Valga presentou no mes de xaneiro unha iniciativa no Parlamento Galego, a través do deputado Luis Bará, esixindo á Xunta de Galiza actuacións urxentes na estrada PO-548. Esta estrada, pertencente á Rede Primaria Básica da Xunta de Galiza, sofre unha alta sinistralidade polo que a iniciativa ten como prioridade a redución desta, principalmente no Alto de Cordeiro. Este punto é o tramo máis perigoso desta vía e no que desde hai anos se veñen rexistrando numerosos accidentes, froito dunha combinación de factores que non están a ser corrixidos pola Xunta, administración responsable da estrada.
A resposta dada pola Xunta de Galiza respecto da perigosidade do Alto de Cordeiro, limítase a facer un repaso do que se fixo no pasado, mais non dá resposta aos problemas reais que seguen existindo na actualidade. Na súa contestación, a Xunta enumera diferentes actuacións realizadas ao longo dos últimos anos na estrada PO-548: reparacións de firme, melloras puntuais na drenaxe, reforzos localizados e pequenas intervencións de seguridade viaria. Son actuacións coñecidas e públicas, mais que non evitaron que o Alto de Cordeiro continúe sendo un dos tramos máis perigosos da estrada.
A propia Xunta recoñece que se trata dunha estrada cun volume de tráfico elevado, fundamental para a mobilidade entre Valga, Vilagarcía, Catoira e Cesures. Precisamente por iso, non resulta aceptable responder cunha listaxe de obras realizadas fai máis de dez anos, cando o problema estrutural do trazado segue sen afrontarse con rigor.
Na súa resposta, a Xunta céntrase tamén en anunciar a execución dunha senda peonil en estradas e vías de servizo, actuacións que nin sequera son na propia PO-548. Aínda tratándose dunha mellora parcial, positiva en si mesma, esta non dá resposta á perigosidade real do Alto de Cordeiro, concentrada no trazado principal da estrada, nos cruces complexos, na visibilidade reducida, nas deficiente sinalización e na convivencia constante con tráfico pesado. Todo isto vese ademais agravado pola falta de mantemento das marxes pola baixa periocidade nas rozas da vexetación, o que provoca a caída de restos vexetais sobre a calzada que reducen a adherencia dos vehículos.
Para o BNG de Valga a Xunta non está ofrecendo un compromiso claro cunha actuación integral, un proxecto global de mellora do trazado, un calendario definido ou un orzamento concreto. Tampouco se recoñece expresamente o Alto de Cordeiro como punto especialmente perigoso, malia a evidencia diaria que sofren os usuarios. Por iso, esta resposta non pecha o debate. Ao contrario, confirma a necesidade de seguir insistindo. Para Fran Devesa, portavoz municipal do BNG, “en Valga non se pide que se volvan enumerar actuacións do pasado, senón que se dean solucións reais e definitivas a un problema que continúa poñendo en risco a seguridade das persoas. O Alto de Cordeiro segue sendo perigoso. E mentres isto non cambie, seguiremos reclamando unha intervención con rigor e definitiva”.
Por outra banda, o deputado do BNG Néstor Rego rexistrou no mes de abril de 2025 unha iniciativa no Congreso para instar ao Ministerio de Transportes a actuar con urxencia na N-550 ao seu paso polo núcleo urbano de Ponte Valga. A proposta reclamaba un plan integral con melloras nas interseccións, pasos peonís seguros e medidas de calmado do tráfico.
A resposta do Goberno do Estado limitouse a anunciar o inicio de estudos, sen concretar prazos nin investimentos. No mes de decembro, púxose en funcionamento un novo paso de peóns semaforizado nas inmediacións da Casa do Concello, unha actuación que para o BNG de Valga resulta claramente insuficiente, ao non resolver os problemas de seguridade nin actuar noutros puntos igualmente perigosos.
Ante a falta de compromiso do Ministerio de Transportes e o conformismo do goberno municipal, o BNG de Valga iniciou unha recollida de sinaturas, que serán entregadas na Subdelegación do Goberno en Pontevedra nos vindeiros días, para solicitar un plan integral que mellore seguridade viaria da N-550 ao seu paso por Ponte Valga, incluíndo a mellora das interseccións e a creación de pasos de peóns seguros. Precisamente estes días, un informe elaborado pola RACC e a Fundación RACE indicaba que a N-550, ao seu paso por Valga, é un dos treitos con maior índice de risco de sinistralidade de todo o Estado.
O Alto de Cordeiro e o tramo da N-550 ao seu paso por Ponte Valga seguen sendo perigosos. Mentres isto non cambie, o BNG de Valga continuará reclamando tanto á Xunta de Galiza, titular da PO-548, como ao Ministerio de Transportes, responsable da N-550, intervencións integrais que fagan das estradas de Valga vías realmente seguras para a veciñanza.


