O BNG de Valga presentará unha iniciativa no Parlamento Galego para que se actúe con urxencia no Alto de Cordeiro, o tramo máis perigoso da estrada PO-548

20260116

A altísima sinistralidade no Alto de Cordeiro e o abandono da Recta de Campaña evidencian o mal estado e a falta de mantemento dunha estrada que comunica as localidades de Cesures e Vilagarcía, e que discorre uns seis quilómetros polo Concello de Valga

O BNG de Valga presentará unha iniciativa no Parlamento Galego para que se actúe con urxencia no Alto de Cordeiro, o tramo máis perigoso da estrada PO-548

O BNG de Valga presentará unha iniciativa no Parlamento Galego, a través do deputado Luis Bará, esixindo á Xunta de Galiza actuacións urxentes na estrada PO-548. Esta estrada, pertencente á Rede Primaria Básica da Xunta de Galiza, sofre unha alta sinistralidade polo que a iniciativa ten como prioridade a redución desta, principalmente no Alto de Cordeiro. Este punto é o tramo máis perigoso desta vía e no que desde hai anos se veñen rexistrando numerosos accidentes, froito dunha combinación de factores que non están a ser corrixidos pola Xunta, administración responsable da estrada.

O Alto de Cordeiro é un tramo marcado por curvas perigosas e cruces mal resoltos, aos que se suma unha falta de mantemento respecto da roza e limpeza das marxes, unha situación que se repite ano tras ano e que converte este lugar nun auténtico punto negro na estrada PO-548. A vexetación sen rozar invade as marxes da estrada, soltando restos na propia calzada. Este feito é especialmente perigoso despois de episodios de chuvia ou vento, no que estes restos quedan espallados sobre o asfalto reducindo a adherencia dos vehículos e incrementando o risco de saídas de vía, especialmente nas curvas. A acumulación de pólas contribúe tamén dificultar a visibilidade, aumentando de maneira directa a sinistralidade neste tramo.

A perigosidade deste punto vese agravada tamén pola presenza habitual de fauna salvaxe, sen que existan medidas eficaces de prevención. Só coa sinalización non abonda para garantir a seguridade viaria, polo que se solicitará a aplicación de medidas complementarias como o valado de marxes nos puntos máis afectados e a realización de labores de limpeza da vexetación existente nas marxes da estrada.

O Alto de Cordeiro ten numerosos accesos a equipamentos públicos e espazos de uso intenso como o colexio Xesús Ferro Couselo, o tanatorio, o pavillón ou o ximnasio, ademais de servir de acceso tamén para a Igrexa Parroquial de Cordeiro ou o xacemento arqueolóxico da Igrexa Vella. A estes tamén se engaden os accesos ao miradoiro do Monte de Beiro, que, sumados cos anteriores, xeran unha alta intensidade de tráfico nas estrada municipais que comunican coa PO-548.

Cómpre salientar tamén a existencia de cruces especialmente conflitivos como o de Beiro e o do Camiño Real, onde recentemente se realizou un desmonte sen que se acompañase dunha solución integral de seguridade viaria; así como o cruce superior cara a Vilar, que continúa presentando importantes problemas de visibilidade, e que requiren dunha revisión técnica profunda e actuacións específicas.

Máis alá do Alto de Cordeiro, a estrada PO-548 continúa acumulando deficiencias graves como acontece na Recta de Campaña, onde algunhas beirarrúas están levantadas e moi deterioradas, polo que supoñen un risco evidente para as persoas. A falta de mantemento dos espazos axardinados e das rotondas xeran un deficiente estado das marxes das beirarrúas, así como as cunetas e os sumidoiros de pluviais sen limpar que orixinan asolagamentos durante episodios de chuvia.

A esta situación de abandono súmase un feito especialmente preocupante, que é que a PO-548 é unha das estradas con maiores niveis de contaminación acústica de toda Galiza, segundo os Mapas Estratéxicos de Ruído elaborados pola propia Xunta. Iso afecta directamente á saúde e á calidade de vida da veciñanza que vive na súa contorna e que tamén precisa de medidas que atenúen a elevada contaminación acústica.

Por todo isto, o BNG reclamará á Xunta de Galiza actuacións inmediatas e planificadas que inclúan a roza e limpeza periódica das marxes da PO-548, intervencións específicas nas curvas máis perigosas do Alto de Cordeiro, medidas de prevención fronte á fauna salvaxe, melloras reais nos cruces e accesos, así como un plan de mantemento integral e continuado desta vía. A seguridade viaria non pode seguir dependendo da inacción, tanto da Xunta de Galiza como do goberno municipal de Valga. A estrada PO-548, especialmente no Alto de Cordeiro, precisa solucións urxentes e a Xunta ten a obriga de actuar.

O BNG de Valga presentará unha iniciativa no Parlamento Galego para que se actúe con urxencia no Alto de Cordeiro, o tramo máis perigoso da estrada PO-548