O BNG solicita unha programación cultural, didáctica e lúdica para a Casa da Cultura de Valga que sexa estable e de calidade

20240606

Malia realizarse obras de mellora nas que se investiron uns 122.000 euros en 2024, neste mesmo ano só se realizou unha actividade organizada polo Concello de Valga, mostra da falta de interese de dotar á Casa da Cultura dunha programación continua e permanente

O BNG solicita unha programación cultural, didáctica e lúdica para a Casa da Cultura de Valga que sexa estable e de calidade

A Casa da Cultura de Valga en Paredes foi a primeira infraestrutura cultural construída no concello durante os anos 90 do século pasado. Desde o inicio, o goberno municipal de Valga converteuna na principal sede para a realización de todo tipo actividades municipais (culturais, formativas, lúdicas...). Sen embargo, coa chegada do século XXI e a construción do auditorio en Cordeiro, a casa da cultura foi reducindo o número de actividades que albergaba e sufrindo un deterioro continuo, até o punto de atoparse nun estado de semiabandono en 2023.

No ano 2024, ante a grave situación de deterioro, realizáronse obras de mellora nas que se investiron un 122.000 euros “en dous proxectos que supuxeron a renovación da carpintería exterior e da cuberta e que permitiron mellorar o illamento e poñer fin ás filtracións de auga e humidades no inmoble”.

Malia que na web municipal indícase que na Casa da Cultura de Valga “realízanse diferentes actividades do Concello”, os datos mostran unha realidade ben diferente. En 2018 leváronse a cabo cinco actividades, en 2019 foron tres, en 2020 tamén tres, en 2021 soamente unha, en 2022 foron dúas e en 2023 novamente unha soa. No actual 2024, despois do investimento económico realizado, unicamente se realizou unha actividade, reflexo da falta de vontade para dotar á Casa da Cultura de Valga de contido.

Outra mostra do desinterese municipal por esta instalación é o mal estado da súa contorna, sen prazas de aparcamento, pasos de peóns e beirarrúas impracticables, ou que a concesión para a explotación da cafetería leve sen servizo desde fai anos. Aínda que esta última, non debe ser unha razón para que unha infraestrutura cultural estea pechada, pois a existencia ou non dunha cafetería non pode condicionar a actividade de dita infraestrutura.

Como se citaba anteriormente, a actividades realizadas desde o ano 2018 son na súa inmensa maioría destinadas aos nenos, o que pon de manifesto a falta dunha programación diversa, variada e para todos os públicos posibles. Tras ser trasladada toda a actividade (cultural, formativa, informática, teatro, idiomas, campus sénior, obradoiros de memoria...) para o auditorio, aínda que moitos dos veciños das aldeas de Valga teñen máis próxima a casa da cultura, debería estudarse a posibilidade de que parte das actividades se realizasen conxuntamente nos dous sitios, facilitando o desprazamento, sobre todo pensando nas persoas adultas maiores que teñen que moverse para realizar os cursos.

Por todo o anterior, o grupo municipal do BNG de Valga vai presentar unha moción instando ao goberno municipal a dotar á Casa da Cultura dunha programación estable, de calidade, variada e para todo tipo de públicos e idades, dando así servizo a unha parte da veciñanza que, por proximidade xeográfica, ten este centro como referencia. Ademais tamén pedirá que se fixen días de apertura para o museo, o centro de interpretación da caña ou a réplica da casa da Bella Otero, infraestruturas das que non existe un horario de apertura e que a maioría da veciñanza de Valga descoñece.

O BNG solicita unha programación cultural, didáctica e lúdica para a Casa da Cultura de Valga que sexa estable e de calidade