O BNG propón o traslado do Centro de Día situado no auditorio municipal ás instalacións do CODI en Baño

20240422_1

Actualmente o auditorio municipal acolle a Escola Municipal de Música, o Centro Superior de Música e previsiblemente o Centro Superior de Arte Dramático, ademais das actividades culturais programadas polo concello, que no seu conxunto fai que a coexistencia co Centro de Día se faga incompatible

O BNG propón o traslado do Centro de Día situado no auditorio municipal ás instalacións do CODI en Baño

Situado no Auditorio de Cordeiro, o Centro de Día de Valga foi un dos primeiros 14 centros que se puxeron en marcha pola Xunta de Galiza, a través da Rede Galega de Centros de Día, creada polo goberno do BNG en 2008. Actualmente, o Centro de Día forma parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galiza, quen se fai cargo da súa xestión e do persoal.

As instalacións do auditorio foron creadas para acoller actividades culturais e formativas, e non para acoller un centro xerontolóxico socio-terapéutico. A día de hoxe, no auditorio teñen a súa sede a Escola Municipal de Música, o Centro Superior de Música, e está prevista a creación dun Centro Superior de Arte Dramático nestas mesmas instalacións. A todo isto habería que engadir as actividades culturais que o Concello realiza aquí. Deste xeito, o Auditorio de Cordeiro ten unha clara vocación para concertos, conferencias ou ensino musical e artístico, polo que a coexistencia do Centro de Día con estas actividades faise, até certo punto, incompatible.

Atendendo ás demandas das familias dos usuarios, o BNG de Valga propón o traslado do Centro de Día ás instalación do Centro Ocupacional de Discapacitados (CODI), situado nas antigas vivendas dos profesores de Baño e con capacidade suficiente para acoller ás persoas maiores que na actualidade acoden ao Auditorio de Cordeiro. As características da edificación do CODI foron deseñadas para promover o desenvolvemento persoal e social das persoas con discapacidade, características que en moitos aspectos son comúns á atención terapéutica integral e plural ás persoas maiores con dependencia.

Outros dos aspectos a favor do CODI é que ten un espazo verde arborado de máis de 2.000 metros cadrados xusto en fronte á edificación. Isto ofrecería a posibilidade de que os usuarios do Centro de Día puideran ter a oportunidade de pasar tempo no exterior, algo que no auditorio é totalmente imposible. Son moitos os beneficios que presta a infraestrutura verde respecto da saúde, todos eles documentados grazas aos numerosos estudos realizados. O contacto coa natureza mellora moitos aspectos da saúde mental, a atención, os sentimentos, reduce o estrés, a ansiedade e mellora a concentración ou a autodisciplina, por só citar algúns.

20240422_3

Esta zona verde, aínda que non se atopa nas mellores condicións pola falta de mantemento do concello, precisaría de pequenas actuacións de mellora na accesibilidade dos camiños existentes co obxectivo de convertelos en transitables para persoas maiores e cadeiras de rodas ou tamén a instalación de novo mobiliario urbano que favoreza a interrelación persoal.

20240422_2

O BNG propón o traslado do Centro de Día situado no auditorio municipal ás instalacións do CODI en Baño