O BNG presentou emendas aos orzamentos da Xunta para aumentar as inversións en Valga

Executar o equipamento complementario para a formación do alumnado do ciclo de agroxardinería do IES de Valga e financiar o estudo para un posible traslado do centro de día do auditorio ás instalacións do CODI en Baño

O grupo parlamentar do BNG rexistrou dúas emendas aos orzamentos da Xunta co obxectivo de incrementar as inversións en Valga. Trátase da construción das infraestruturas necesarias para o ciclo de agroxardinería e composicións florais do IES de Valga e o estudo para o traslado do centro de día do auditorio municipal ao Centro Ocupacional de Discapacitados (CODI).

O ciclo de agroxardinería comezou a impartirse no IES de Valga o curso 2022-2023, mais desde o inicio non conta coas instalacións comprometidas: unha aula polivalente de 60 metros cadrados, un almacén de 60 metros cadrados, e unha superficie de xardín, invernadoiro e viveiro de 1.300 metros cadrados. O Concello de Valga cedeu á Consellería de Educación da Xunta de Galiza unha parcela de 3.000 metros cadrados de superficie anexa ao recinto do instituto, nos terreos do campo de fútbol vello de Baño. Sen embargo, poden pasar xa catro anos desde o inicio do ciclo sen que se execute un equipamento imprescindible para a formación das alumnas e alumnos dun ciclo cun carácter eminentemente práctico.

Atendendo ás demandas das familias dos usuarios, o BNG de Valga propuxo o traslado do Centro de Día ás instalación do CODI, situado nas antigas vivendas dos profesores de Baño e con capacidade suficiente para acoller ás persoas maiores que na actualidade acoden ao Auditorio de Cordeiro. As características da edificación do CODI foron deseñadas para promover o desenvolvemento persoal e social das persoas con discapacidade, características que en moitos aspectos son comúns á atención terapéutica integral e plural ás persoas maiores con dependencia.

O grupo municipal do BNG Valga destacou que “estas emendas responden a necesidades reais da veciñanza e son unha chamada de atención para que a Xunta deixe de ignorar Valga nos orzamentos”. Ademais, sinalaron que “o BNG traballa para que Valga conte cos servizos e investimentos que merece, pensando sempre no benestar da súa xente e no futuro da vila”. Desde o BNG esperan que o goberno do PP rectifique e atenda estas demandas, imprescindibles para mellorar a calidade de vida da veciñanza e garantir un desenvolvemento sostible e equilibrado en Valga.