A Xunta ignora as necesidades do IES de Valga e non inclúe nos orzamentos a construción das instalacións comprometidas en 2022 para o ciclo de Agroxardinería

20241023_1

Nos orzamentos da Xunta para o ano 2025 non se prevé ningún tipo de investimento respecto da construción das instalacións previstas no terreo do campo de fútbol vello de Baño: unha aula polivalente, un almacén, unha superficie de xardín, un invernadoiro e un viveiro

A Xunta ignora as necesidades do IES de Valga e non inclúe nos orzamentos a construción das instalacións comprometidas en 2022 para o ciclo de Agroxardinería

O ciclo de Agroxardinería e Composicións Florais comezou a impartirse no IES de Valga o curso 2022-2023, mais desde o inicio non conta coas instalacións comprometidas: unha aula polivalente de 60 metros cadrados, un almacén de 60 metros cadrados, e unha superficie de xardín, invernadoiro e viveiro de 1.300 metros cadrados. O Concello de Valga cedeu á Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galiza unha parcela de 3.000 metros cadrados de superficie anexa ao recinto do instituto, nos terreos do campo de fútbol vello de Baño.

20241023_2

En marzo de 2024, a instancias do BNG de Valga, o grupo parlamentario do BNG dirixiuse ao conselleiro de Educación esixindo o acondicionamento definitivo da parcela para a correcta aprendizaxe do alumnado, uns terreos que non contan aínda coas instalacións previstas por parte da Consellería de Educación e o Concello de Valga. Lamentablemente, ante este requirimento, a consellería non tivo a ben contestar, mostrando deste xeito o escaso interese por parte da Xunta para realizar estas obras.

O 16 de maio de 2024, a directora xeral de Formación Profesional visitou o IES de Valga acompañada polo alcalde, mais non saíu ningún compromiso nin data concreta para a realización das instalacións comprometidas en 2022. Ademais, nos orzamentos da Xunta para o ano 2025 non se prevé ningún tipo de investimento respecto destas instalacións, polo que pasarán catro anos desde o inicio do ciclo sen que se execute un equipamento imprescindible para a formación das alumnas e alumnos dun ciclo cun carácter eminentemente práctico.

A Xunta ignora as necesidades do IES de Valga e non inclúe nos orzamentos a construción das instalacións comprometidas en 2022 para o ciclo de Agroxardinería