O BNG lamenta a falta dun programa municipal, estable e integral, en tema de igualdade e contra a violencia de xénero
Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga: “De nada serven os lazos lilas na solapa ou actividades lúdicas unha semana ao ano se non se acompañan de feitos, de medidas concretas e máis recursos para loitar contra a violencia machista o resto do ano”
O BNG de Valga insta ao goberno local a que se implique de xeito efectivo en temas de igualdade, coa elaboración dun programa estable e duradeiro que vaia máis alá da organización dunha serie de actividades arredor do 25 de novembro, Día Contra a Violencia Machista. Un programa que pase das palabras e das boas intencións aos feitos, con propostas de intervención que xeren e provoquen os cambios necesarios para camiñar cara unha sociedade baseada na igualdade de oportunidades, en todos os ámbitos e en todas as realidades.
É lamentable a total ausencia de iniciativas que doten ao noso concello dun auténtico servizo de información e concienciación permanente, durante todo o ano, dirixido a todos os sectores sociais, desde o educativo até o empresarial, para traballar na eliminación de todo tipo de discriminación por cuestións de xénero. Mostra do total desleixo por parte do goberno local neste senso, é a nula xestión para mellorar e ampliar o Centro de Información á Muller, que se comparte cos concellos veciños de Pontecesures e Moraña, ou que o Plan de Igualdade deseñado hai anos está actualmente caducado e carente da necesaria revisión.
Un primeiro paso para paliar esta deficiencia sería a constitución dunha mesa ou comisión permanente con presenza de representantes dos colectivos, asociacións e axentes sociais, cun calendario de reunións periódicas para deseñar e poñer en marcha un plan de igualdade concreto e real, con propostas, actividades e actuacións concretas en todos os ámbitos e espazos da vida do noso concello.
A urxente actuación desde todos os espazos, públicos e privados, para erradicar a lacra da violencia machista esixe non só unha postura contundente nas declaracións e manifestos, senón a creación de redes de axuda e atención ás posibles vítimas, dotando de recursos materiais e persoais necesarios para que calquera muller en situación de risco teña a seguridade de que conta cun lugar ao que acudir.
Propostas BNG
O BNG evidencia na súa campaña do 25N a dramática realidade dos datos fronte ás mentiras do negacionismo machista. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou en Santiago a campaña do BNG para este 25N, unha campaña que, fronte aos que practican o negacionismo da violencia machista, evidencia a realidade dos datos, “a dura e terrible realidade dunhas cifras que reflicten o sufrimento de miles de mulleres en Galiza”.
Pontón recordou para “quen pretende impoñer a mentira ou o silencio” unhas estatísticas que recollen o asasinato de dúas mulleres (Beatriz Lijó e Ana Vanessa Serén) en Galiza no que vai de ano, á espera das conclusións da investigación sobre a muller que apareceu asasinada onte no Porriño sobre as que, dixo, o BNG vai estar moi pendente dado que algúns medios apuntan a un novo caso de violencia machista.
A estes feminicidios sumou as 472 sentenzas condenatorias, 972 ordes de afastamento e medidas de protección e seguridade das vítimas e 3.454 denuncias por violencia machista que reflicten as cifras oficiais só no primeiro semestre de 2023.
Nesta liña advertiu que os últimos datos do Viogén eleva a 37.671 vítimas de violencia machista nos últimos 15 anos -dende que se creou o programa- e iso que non cobre a totalidade do territorio. “Estamos a falar de case toda a poboación de Vilagarcía e non podemos deixar de preguntarnos que pasaría, se a reacción social sería a mesma, se hoxe estivésemos falando de que toda a poboación dun concello galego tivera que estar vixiada por ameazas”, reflexionou.
Por iso, o Bloque aposta por unha campaña que contrapón “a realidade fronte á mentira”, explicou, na que se denuncia incluso visualmente como os feminicidios son a punta do iceberg dunha violencia brutal e transversal que afecta a todas as capas sociais e está presente en todos os ámbitos da sociedade. “Fronte ao negacionismo machista, a realidade dos datos, porque detrás de cada número hai unha muller coa vida rota á que se lle nega o seu dereito a ser libre e igual”, recalcou.
Pontón advertiu que “de nada serven os lazos lilas na solapa ou as declaracións de intencións se non se acompañan de feitos”, de medidas concretas e máis recursos para loitar contra a violencia machista porque, segundo reflexionou, pese aos avances neste ámbito de actuación aínda é insuficiente a resposta que se facilita ás vítimas.
Logo de lembrar que os grandes avances en Galiza, como a primeira lei contra a violencia machista ou o recoñecemento da violencia vicaria, foron impulsados polo BNG, a líder nacionalista enumerou algunhas das propostas que porá en marcha se obtén a confianza das galegas e dos galegos para ser a presidenta do goberno do cambio.