O BNG convoca un acto público en Vilarello con Fran Devesa, Antía Aberte e Luis Bará

actoeuropeas2024_2

Neste acto presentaranse algunhas das propostas do programa do BNG para as eleccións europeas, prestando especial atención á defensa do río Ulla e á ameaza que supón a instalación da macrofactoría de Altri en Palas de Rei

O BNG convoca un acto público en Vilarello con Fran Devesa, Antía Aberte e Luis Bará

O Bloque Nacionalista Galego, no marco da campaña das eleccións europeas do 9 de xuño, que presenta Ana Miranda como candidata ao Parlamento Europeo, organiza un acto público aberto o domingo 2 de xuño ás 12.30 horas na praia fluvial de Vilarello. Neste encontro, no que se porá o foco no río Ulla e a afección que sobre este suporía a instalación da macrocelulosa de Altri augas arriba en Palas de Rei, participarán Fran Devesa, portavoz municipal do BNG de Valga, Antía Alberte, ambientóloga e candidata, e Luis Bará, deputado no Parlamento Galego.

actoeuropeas2024_1

Galiza en Europa con voz propia!

A sociedade galega necesita ter voz propia en Bruxelas. Existimos politicamente e podemos defender os nosos intereses cando temos capacidade para falar e intervir sobre todo aquilo que nos afecta. E iso é o que garante o BNG, a través de Ana Miranda. O escano do BNG en Bruxelas é, desde hai anos, o escano do pobo galego en Europa. Porque onde están o BNG e Ana Miranda están Galiza e todos os temas, necesidades e aspiracións relevantes para o noso país.

Pola Europa social dos pobos e das persoas

Queremos unha Europa diferente, unha Europa dos pobos e das persoas, unha Europa dos dereitos sociais e da xustiza social, unha Europa que aposte polo respecto e a paz nas relacións internacionais. Fronte ao militarismo e á submisión da política aos mercados, a Europa que queremos constrúese desde a diversidade, os dereitos e a democracia. E desde nós: somos unha nación e queremos poder expresarnos e vivir plenamente como tal, con futuro, desenvolvemento, prosperidade e sen límites.

A forza que defende os intereses de Galiza

O BNG é a forza que fai valer os intereses da sociedade galega. Sábeno ben todos os colectivos, entidades e sectores que foron nestes anos a Bruxelas para trasladar directamente as súas demandas. A nosa economía e a nosa industria, os dereitos sociais e as liberdades democráticas, as cuestións ambientais, as políticas que afectan os nosos sectores produtivos... todo estivo no Parlamento Europeo da man de Ana Miranda e o BNG. Somos unha ferramenta útil na defensa dos intereses galegos e unha garantía de traballo constante en favor dos galegos e das galegas.

O 9 de xuño, vota BNG

Por todo o anterior, Galiza ten que estar en Bruxelas, con voz propia. Porque existirmos é termos futuro. Porque facernos valer como pobo, e en favor do pobo, é a política máis social e transformadora que existe na Galiza: para defender a economía produtiva do noso país, para impulsar políticas en favor da xustiza social, do benestar e dos servizos públicos, para erguer a voz en favor dunha Europa verdadeiramente social e democrática, que aposte pola paz, a democracia e os dereitos dos pobos e das persoas. O 9 de xuño temos que garantir que Ana Miranda seguirá a ser a voz de Galiza en Europa.

O BNG convoca un acto público en Vilarello con Fran Devesa, Antía Aberte e Luis Bará