Acto público do BNG en Pontecesures con música e sesión vermú

20230711 1

Fran Devesa, voceiro municipal e concelleiro do BNG, intervirá nun acto organizado conxuntamente polas agrupacións locais de Valga e Pontecesures, con motivo das eleccións xerais deste domingo 23 de xullo

Acto público do BNG en Pontecesures con música e sesión vermú

Este domingo 16 ás 12:30 horas do mediodía, no Pino Manso en Pontecesures, encontro aberto con música e sesión vermú. Intervirán Fran Devesa (concelleiro do BNG de Valga), Maite Tocino (alcaldesa de Pontecesures) e Marta Gómez (candidata ao congreso).

É o momento!

Este é o momento da Galiza. É tempo de que as galegas e galegos teñamos capacidade política en Madrid para condicionar, en favor dos nosos intereses, un previsíbel escenario sen maiorías absolutas.

Para iso é necesario un Grupo Galego forte en Madrid. Máis deputados e deputadas do BNG no Congreso e representación propia no Senado. Esa é a forza que Galiza precisa para que a axenda galega estea presente na política estatal. Un BNG decisivo en Madrid vai facer valer o seu peso ao servizo de Galiza, para mellorar a calidade de vida e o benestar de todos os galegos e galegas.

 

1. AP-9 galega e libre de peaxes

Transferencia a Galiza da Autoestrada do Atlántico e supresión da peaxe.

2. 200 M€ para atención á dependencia na Galiza

Que o Goberno español pague o que debe garantindo servizos públicos de calidade para as persoas de máis idade dependentes e con discapacidade

3. Mellora nos transportes públicos e conexións dignas no interior

Reconstrución dos viadutos da A-6, transferencia á Galiza e bonificación da peaxe da AP-53, electrificación e modernización das liñas de tren (A Coruña-Ferrol e Lugo-Coruña), saída Sur de Vigo e redución do prezo do billete de tren no eixo Ourense-Santiago-A Coruña. Implantación das Cercanías nas áreas urbanas e metropolitanas.

4. Transición enerxética xusta

Tarifa eléctrica galega para abaratar a factura de familias e empresas. Concurso de Transición xusta para Meirama e As Pontes (co nó de evacuación de 1.400 MW). Plan racional, con criterios de servizo público para pór fin á especulación das grandes eléctricas e recuperar as garantías ambientais e a participación cidadá na implantación de proxectos eólicos. Descartar a eólica mariña na costa galega.

5. Máis medios fronte á violencia machista

Creación de xulgados exclusivos de violencia machista en Lugo, Ourense, Compostela, Ferrol e Pontevedra.

6. Vidas dignas

Incrementar o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e a pensión mínima até situalos no 60% do salario medio. Fortalecer o sistema público de pensións e recuperar a xubilación ordinaria aos 65 anos, a parcial aos 61 anos, así como período de cómputo de 10 anos. Transferir á Galiza o Ingreso Mínimo Vital (IMV) para garantir unha xestión máis áxil e adecuada á realidade galega.

7. Defensa dos dereitos e liberdades

Os escanos do BNG servirán para impulsar avances democráticos e farán de freo ás medidas de involución que promova a dereita e o españolismo. Derrogación real da Lei Mordaza. Recoñecemento das Nacións do Estado. Derrogación do artigo 2.e e 2.f da Lei de Amnistía para acabar coa impunidade do Franquismo, así como a devolución dos bens espoliados polo réxime franquista.

8. Calendario de transferencias para Galiza

Negociación e diálogo bilateral Galiza - Estado. Solicitude de 35 novas competencias para a Galiza, cando menos nestes ámbitos: ordenación do territorio e infraestruturas; tráfico, seguranza viaria e seguranza pública co despregamento da policía galega; campo laboral e socio-asistencial; educación e investigación; sectores produtivos; enerxía; lingua, cultura e patrimonio; ámbito de representación institucional.

9. Incremento do investimento na Galiza até alcanzar os 2.000 M€ anuais

O BNG fará valer o seu peso para negociar orzamentos que acaben coa discriminación á Galiza e corrixan a débeda do Estado co noso país.

10. Porto exterior da Coruña libre de débedas

O Estado debe asumir o custe desta infraestrutura e os terreos do porto interior deben pasar a ser propiedade da cidade. Os portos doutros territorios recibiron 5.000 millóns de euros do Estado, con PP e PSOE. O BNG esixirá o mesmo trato para Galiza.

Acto público do BNG en Pontecesures con música e sesión vermú