O último informe do Tribunal de Cuentas volve alertar da difícil situación financeira do Concello de Valga

20240806

O último informe publicado polo órgano de control fiscalizador das contas e da xestión económica do sector público indica que Valga incrementou nun 270% o importe negativo do remanente de tesourería para gastos xerais

O último informe do Tribunal de Cuentas volve alertar da difícil situación financeira do Concello de Valga

O 23 de xullo de 2024 o Tribunal de Cuentas publicou o informe de fiscalización do sector público local, correspondente ao exercicio 2022. Dentro da análise que efectúa sobre as contas recibidas do Concello de Valga, para os efectos de consideralas como rendidas ou non, o organismo estatal de control procedeu á comprobación da coherencia interna dos diferentes estados contables, coa finalidade de garantir que os mesmos reflicten a imaxe fiel da execución orzamentaria e do patrimonio de Valga. A incidencia máis significativa detectada nas contas do Concello de Valga, ao igual que xa pasara para o ano 2021, é que o remanente de tesourería para gastos xerais é negativo. A este informe hai que engadir os xa publicados durante este ano polo Consello de Contas que indicaba que o Concello de Valga se atopa nunha “situación financeira comprometida” e o do Ministerio de Hacienda que sinalaba o incumprimento do período medio de pagamento das facturas aos provedores.

O remanente de tesourería reflexa a situación dunha entidade ao peche dun exercicio, que se atopa dispoñible para financiar gastos, resultando un indicador moi importante para valorar a solvencia financeira a curto prazo. O Concello de Valga, que presenta un remanente de tesourería negativo, atópase actualmente nunha situación financeira comprometida segundo os datos indicados no informe do Tribunal de Cuentas. Cando o remanente de tesourería presenta valores negativos, como é o caso de Valga, indica que terá que obter recursos futuros para atender o exceso de gastos, é dicir, o Concello sería incapaz de afrontar as débedas ao finalizar o exercicio.

No anterior informe, correspondente ao ano 2021, o Concello de Valga contaba cun remanente de tesourería para gastos xerais negativo de 154.928,89 euros. Neste último informe, esta cifra ascende a 573.666,15 euros, o que supón un aumento do 270% respecto do exercicio anterior, co que Valga sitúase como o sétimo concello de toda Galiza con maior cifra negativa para o remanente de tesourería. Se se repartira esta cantidade entre os 5.752 habitantes que ten Valga, corresponderíanlle a cada veciño uns 100 euros, dato indicativo da moi deficiente xestión económica e financeira que leva a cabo o goberno municipal.

O último informe do Tribunal de Cuentas volve alertar da difícil situación financeira do Concello de Valga