A última licitación publicada polo goberno municipal para a execución do contrato dun servizo municipal incumpre, unha vez máis, a Lei de Contratos do Sector Público
A licitación para o “Servizo de Asesoramento Urbanístico” incumpre o artigo 145.7 da Lei de Contratos, que se engade a outras moitas irregularidades en materia de contratación, e que son unha mostra da deficiente xestión administrativa e económica que realiza o goberno municpal
O 5 de marzo de 2026 o Concello de Valga publica no portal de Contratos Públicos de Galiza a licitación para o “Servizo de Asesoramento Urbanístico”. Este contrato ten por obxecto “a emisión de informes, a colaboración cos técnicos municipais así como o asesoramento do equipo multidisciplinar da empresa a requirimento dos órganos de goberno do Concello e dos órganos de control do Concello en materia urbanística.”, cun valor estimado do contrato duns 57.600 euros.
Esta nova licitación renovaría o anterior servizo, que vén sendo prestado pola empresa “Fernández Carballada y Asociados, S.L.P.”, mais que se atopaba caducado desde xullo de 2025, ao igual que ocorre co “Servizo de Asesoramento Laboral”, caducado tamén desde agosto do ano pasado. O prego de cláusulas administrativos particulares publicado para o “Servizo de Asesoramento Urbanístico” outorga 70 puntos para os criterios que dependen dun xuízo de valor e 30 puntos para os criterios identificables automaticamente, no que se inclúen melloras valoradas en 25 puntos.
Isto supón un incumprimento do artigo 145.7 da Lei de Contratos do Sector Público na que se indica que cando os criterios cuxa cuantificación dependa dun xuízo de valor teñan atribuída unha ponderación maior que a correspondente aos criterios avaliables de forma automática, as melloras non poderán representar unha valoración superior ao 2,5%. No caso da licitación para o “Servizo de Asesoramento Urbanístico”, a porcentaxe de melloras supoñen un 25% dos puntos, é dicir, máis de 22 puntos por enriba do permitido pola Lei de Contratos do Sector Público.
Isto é unha nova mostra da deficiente xestión administrativa e económica que realiza o actual alcalde que se autodenomina como “bo xestor” e que o BNG de Valga, como parte da súa labor fiscalizadora e de control da actividade do goberno municipal do Partido Popular, ten denunciado xa en reiteradas ocasións. Esta non é a primeira vez que unha licitación realizada polo goberno municipal contén irregularidades e incumprimentos da lei. En xuño de 2024, o Concello de Valga veuse na obriga de anular un concurso por irregularidades nas bases e infrinxir a Lei de Contratos do Sector Público, tras un recurso interposto polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza.
O responsable da redacción dos pregos de cláusulas administrativas de todas as licitacións municipais é o despacho de avogados Martín Gómez Abogados, S.L.U., o actual adxudicatario do servizo de asesoría xurídica municipal, o mesmo ao que o Concello de Valga abonou os gastos xudiciais derivados de procesos penais que afectaron ao alcalde e ao secretario, malia que este servizo ten incluída a defensa xurídica.
Para o BNG de Valga é inadmisible que se continúen publicando pregos de condicións que infrinxen a lei e que, nin o secretario nin o interventor municipais, os mesmos que cobraron soamente no ano 2025 dietas por valor de máis de 6.000 euros e cuxos postos están vacantes, non poñan reparo algún a estas ilegalidades manifestas. O grupo municipal do BNG solicitará que se anule e desista do procedemento de adxudicación do contrato “Servizo de Asesoramento Urbanístico” e se elaboren uns novos pregos de condicións, conformes á lexislación vixente, para garantir a correcta execución deste servizo municipal.

