O goberno municipal vota en contra da moción presentada polo BNG solicitando o aumento das axudas directas ás comisións de festas e asociacións culturais

Fran Devesa lamenta que o goberno municipal “non recoñeza o labor das comisións de festas e a importancia das celebracións tradicionais no calendario cultural de Valga” e defende que as fesas populares non son un gasto, senón un investimento en comunidade, cultura e identidade local

Fran Devesa, voceiro do grupo municipal do BNG de Valga, presentou unha moción no pleno do 6 de outubro de 2025 solicitando o aumento das axudas municipais directas ás comisións de festas e asociacións culturais. As festas parroquiais e populares son unha das expresións culturais máis arraigadas na veciñanza de Valga. Representan unha mostra viva da identidade, das tradicións e da capacidade de organización veciñal que, de maneira desinteresada, mantén vivas unhas celebracións que definen o xeito de ser de cada unha das parroquias e aldeas valguesas.

Desde tempos remotos, son os veciños e veciñas de cada aldea os que, a través das comisións de festas, asumen a responsabilidade de organizar eventos festivos cun esforzo económico e persoal admirable. Por iso, esta tarefa vese cada vez máis dificultada polo progresivo encarecemento dos custos asociados: orquestras, seguros, permisos, infraestrutura..., e tamén pola falta de relevo xeracional nun contexto de perda alarmante de poboación en Valga, o que xa causou a desaparición de moitas comisións.

A pesar disto, as axudas que concede o goberno municipal de Valga ás comisións de festas levan conxeladas en 300 euros desde, polo menos, o ano 2015. Dez anos ofrecendo a mesma contía, claramente insuficiente e desfasada en pleno 2025. Isto ponse de manifesto ao comparar o incremento do orzamento municipal neste período de tempo, o cal subiu o 58%, ou tamén coa suba do Índice de Prezos de Consumo (IPC) que aumentou un 29%, sen embargo, a asignación para as comisións de festas mantivéronse exactamente igual. Para o BNG de Valga esta axuda é ridícula e non reflicte, nin a realidade actual dos custos, nin o esforzo que realiza a veciñanza.

Malia todos estes argumentos, o alcalde e todos os concelleiros do Partido Popular votaron en contra da proposta do BNG de Valga na que se pedía unha actualización da contía das axudas directas ás comisións de festas nos vindeiro orzamento municipal, elevando o seu importe nunha porcentaxe semellante á suba deste nos últimos dez anos. A proposta non pon en cuestión as axudas á contratación da Banda de Música Municipal ou a Coral Polifónica de Cordeiro, respecto das cales o BNG ve ben, senón que incide no referente ás axudas fixas que levan conxeladas máis de dez anos.

Fran Devesa lamenta que o goberno municipal “non recoñeza, con feitos, o labor das comisións de festas e a importancia das celebracións tradicionais no calendario cultural de Valga”. O voceiro do BNG tamén solicitou unha colaboración máis estreita do concello coas comisións, para que este preste un maior apoio material e loxístico, facéndose cargo dalgunhas necesidades básicas como puideran ser a instalación de carpas, montaxes eléctricas, escenarios ou outros equipamentos compartidos, e mesmo o acondicionamento de espazos públicos onde se celebran as festas, para garantir a seguridade e facilitar o traballo das asociacións e comisións. Para o BNG de Valga as festas populares non son un gasto, son un investimento en comunidade, cultura e identidade local. Apoiar ás comisións de festas é apoiar a cultura popular.

Outros asuntos

No mesmo pleno, o BNG de Valga tamén solicitou o acondicionamento dunha parcela sen uso na Rúa Nova (Campaña) para crear un aparcamento na área industrial e deportiva de Campaña. Este espazo, situado xunto ao campo de tenis e próximo ás empresas Extrugasa, Exlabesa e Urovesa, daría servizo ao persoal destas, mais tamén ás veciñas e veciños da aldea da Rúa Nova e a todas as persoas que que se desprazan en coche na fin de semana aos campos de fútbol. Malia a mellora que esta actuación suporía na ordenación do tráfico, garantindo a seguridade viaria na zona, o alcalde considera “que xa se fixeron moitas prazas nos últimos anos”.

Outra das solicitudes realizadas polo grupo municipal do BNG de Valga foi a proposta para o acondicionamento da carballeira do Campo como parque público para as veciñas e veciños de Xanza. Fran Devesa propuxo a creación dunha zona verde para persoas de todas as idades no Campo, “un proxecto viable, sostible e adaptado ás necesidades reais das veciñas e veciños de Xanza”, mais semella non ser prioritario para o alcalde de Valga que non se comprometeu con esta actuación.