O BNG de Valga propón aproveitar unha parcela municipal sen uso na Rúa Nova para crear un aparcamento na área industrial e deportiva de Campaña
Son moitos os vehículos que permanecen estacionados na contorna das instalacións industriais de Campaña, moitas veces en zonas non adecuadas, polo que é urxente ampliar as prazas de aparcamento na zona, mellorar a ordenación do tráfico e garantir a seguridade viaria
O grupo municipal do BNG de Valga solicitará no próximo pleno que o goberno municipal cree unha área de estacionamento nun terreo de titularidade municipal, duns 1.700 metros cadrados de superficie na Rúa Nova. Situado xunto ao campo de tenis e próximo ás empresas Extrugasa, Exlabesa e Urovesa, daría servizo ao persoal destas, mais tamén ás veciñas e veciños da aldea da Rúa Nova e a todas as persoas que que se desprazan en coche na fin de semana aos campos de fútbol.

Este espazo leva tempo sen uso e atópase nun punto estratéxico, xa que cada día son moitos os vehículos que permanecen estacionados na contorna das instalacións industriais, moitas veces en zonas non adecuadas. Esta elevada concentración de coches provoca dificultade para circular e estacionar tanto para os propios traballadores e para a veciñanza.
O BNG de Valga proporá que o Concello de Valga habilite a parcela, acondicionando a superficie e delimitando as prazas de aparcamento. O obxectivo desta actuación é ampliar as prazas de aparcamento na zona, mellorar a ordenación do tráfico, garantir a seguridade viaria e optimizar un solo municipal que, na actualidade, non cumpre ningunha función relevante.
Esta é unha actuación sinxela e de baixo custo, mais que suporía unha mellora notable para o día a día das persoas que desenvolven o seu traballo en Extrugasa, Exlabesa e Urovesa, así como para o conxunto da veciñanza da Rúa Nova e aos asistentes a eventos deportivos que se desenvolven nos campos de fútbol sintéticos de Campaña.