O BNG de Valga propón o acondicionamento da carballeira do Campo de Xanza como parque público
Fran Devesa solicitará no próximo pleno a creación dunha zona verde para persoas de todas as idades no Campo, “un proxecto viable, sostible e adaptado ás necesidades reais das veciñas e veciños de Xanza”
A carballeira do Campo aséntase sobre tres parcelas de titularidade municipal que ofrecen unha magnífica oportunidade para a creación dun parque publico para o desfrute da veciñanza de Xanza. Nos máis de 1.000 metros cadrados que conforman este espazo consérvanse na actualidade carballos de bastante idade, ademais dalgunhas especies invasoras como falsas acacias ou robinias e un eucalipto de gran porte.
A proposta do BNG de Valga consiste na creación dunha zona verde para persoas de todas as idades, nas que dous eixos principais de tránsito comunican o espazo coa súa contorna máis próxima, ademais de crear un camiño perimetral seguro na parte sur e oeste. Estes eixos de comunicación crean unha praza central na que se xera un espazo de encontro, pois tamén se executan bancos de obra que favorecen a comunicación entre as persoas.
Para potenciar o carácter interxeneracional do espazo verde, instálase un parque infantil para os máis cativos e unha zona de elementos biosaúdables destinada ás persoas adultas. O espazo complétase coa instalación de bancos e mesas, ou a colocación dunha varanda perimetral na zona onde existe un noiro de elevada pendente. Respecto da vexetación, consérvanse todos os pés de carballo, previo un estudo sanitario e bicomecánico destes, eliminánse todas as falsas acacias ou robinias e plántanse novos carballos para recuperar o aspecto que tivo a carballeira ao longo dos anos. Ademais, realízase unha plantación de arbustivas nalgunhas zonas do parque para aumentar o carácter ornamental da zona verde, mais principalmente para marcar as entradas do parque.

Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, “este é un proxecto viable, sostible e adaptado ás necesidades reais das veciñas e veciños de Xanza”. En contraposición a isto, o goberno municipal insiste en apostar por proxectos multimillonarios sen planificación nin previsión de mantemento, como é a obra da Mina de Porto Piñeiro, valorada en máis de 14 millóns de euros e que o BNG de Valga non ten claro a quen pode beneficiar. O que si está claro é que non responde ás necesidades da maioría da xente de Valga e que pode hipotecar aínda máis o futuro económico do concello.
O grupo municipal do BNG de Valga propón alternativas sensatas e realistas, pensadas unicamente para mellorar a vida das persoas, fronte proxectos sen plans de conservación e mantemento, e que só poden levar Valga a máis deterioro e problemas no futuro máis inmediato.