O goberno municipal de Valga vota en contra da moción presentada polo BNG solicitando o rexeitamento á instalación da macrofactoría de Altri en Palas de Rei

20240411_1

Malia que en palabras do propio alcalde, a instalación de Altri en Palas de Rei é “preocupante”, todos os concelleiros do Partido Popular votaron en contra dunha moción que buscaba un acordo unánime de toda a corporación municipal na defensa da calidade das augas do río Ulla

O goberno municipal de Valga vota en contra da moción presentada polo BNG solicitando o rexeitamento á instalación da macrofactoría de Altri en Palas de Rei

O BNG de Valga presentou unha moción no pleno ordinario do día 11 de abril de 2024 para que o Concello de Valga mostrase o seu rexeitamento á instalación da macrofactoría de Altri en Palas de Rei, na zona da Ulloa.

Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, advertiu dos efectos negativos que a instalación da celulosa trasladará augas abaixo do río Ulla, causando un impacto moi severo, empeorando a calidade das súas augas e comprometendo o caudal en épocas de estiaxe. Recordou que a auga potable de Valga provén en boa parte do río Ulla, a través da captación do lugar do Lapido, na parroquia de Carcacía de Padrón. Unha captación que, coa ampliación que está executando a Xunta de Galiza, dará servizo a unha poboación de case 100.000 habitantes. O concelleiro nacionalista manifestou que urxe asegurar a protección do río Ulla e da auga potable da que se abastece á veciñanza de Valga.

A moción, que non saíu aprobada polos votos en conta do alcalde e o resto de concelleiros do equipo de goberno do Partido Popular, supoñía a adopción dos seguintes acordos:

  • Manifestar o rexeitamento deste Pleno ao macrocomplexo industrial contaminante de Altri en Palas de Rei, promovido por Greenfiber, S.L.
  • Instar ao goberno municipal a elaborar e presentar alegacións en tempo e forma (antes do 17 de abril de 2024) contra o proxecto de Altri en Palas de Rei, polas afeccións que este causaría sobre o río Ulla e o abastecemento de auga potable de Valga.
  • Presentar estas alegacións ao resto de grupos desta corporación e convocar un Pleno extraordinario monográfico coa antelación suficiente, que permita que esas alegacións poidan ser presentadas como un acordo da corporación.
  • Instar ao goberno municipal a promover alegacións veciñais e pór a disposición do conxunto da veciñanza modelos de alegación contra este proxecto.

O BNG advirte do impacto da macrofactoría de Altri na calidade das augas do río Ulla e no abastecemento de dez concellos

Deputados e representantes municipais do BNG participaron o luns 8 de abril de 2024 en Pontecesures nun acto organizado para amosar a súa rotunda oposición á implantación da macrofactoría de Altri en Palas de Rei, unha bomba medioambiental no corazón de Galiza que acende as alarmas tamén nos concellos que se nutren da estación de tratamento de auga potable (ETAP) do río Ulla, tanto polos efectos que a celulosa terá na calidade das augas como polo risco de abastecemento que suporá.

20240411_2

Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga participou neste acto xunto aos deputados Luís Bará, Rosana Pérez, Montse Prado e Iria Carreira, a senadora Carme da Silva, a alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino e o rexedor de Catoira, Xoán Xosé Castaño, xunto a representantes do BNG en Ribeira, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Padrón e Dodro, os concellos xunto a Boiro e Vilagarcía que se abastecen da mencionada estación potabilizadora e que poderían verse prexudicados gravemente pola instalación da celulosa.

Segundo os plans feitos públicos por Altri, a macrofábrica de Palas de Rei consumirá directamente desde o río Ulla 46.000 metros cúbicos ao día, o que supón máis do 10 % do volume de auga do encoro de Portodemouros e equivale ao consumo de auga humano de toda a provincia de Lugo.

O proxecto contempla tamén que a celulosa verta de volta ao río 30.000 metros cúbicos ao día de augas industriais “que incidirán aínda máis na contaminación do río”, segundo subliñou a deputada Rosana Pérez, que xa ten rexistrado no Parlamento galego unha batería de iniciativas contra os plans da empresa portuguesa e para reclamar o desenvolvemento dun plan, en colaboración coas distintas administracións e co tecido socioeconómico, de mellora integral da calidade da auga e da biodiversidade da bacía do Ulla.

O BNG sostén que, de se levar a cabo, este proxecto suporá un empeoramento da calidade da auga do río tanto polos vertidos como polo risco de eutrofización ao baixar o caudal nos tres encoros superpostos (Portodemouros, Brandariz e Touro). “É evidente que todos estes efectos negativos serán trasladados augas abaixo causando un impacto no río Ulla moi severo, empeorando a calidade das súas augas e comprometendo o caudal en épocas de estiaxe”, apúntase nunha das rexistradas polo BNG.

Rosana Pérez lembrou ademais que a explotación e subministro de auga aos dez concellos da ETAP que se sitúa en Padrón é competencia da Xunta desde o ano 1996 e que, recentemente, despois de 30 anos, Augas de Galicia vén de adxudicar a súa ampliación diante da crecente demanda e a escaseza de auga nos períodos de seca, cada vez máis frecuentes.

A deputada considera imprescindible a ampliación anunciada, polo que reclamou á Xunta que manteña un proxecto que permitirá aumentar un 40 % a capacidade da ETAP e garantir o subministro de auga a unha poboación que se achega aos 100.000 habitantes no conxunto dos dez concellos. Algúns destes, nomeadamente os da Arousa Norte, xa teñen sufrido restricións aos veciños e veciñas, acoutando as posibilidades de desenvolvemento de chan industrial, subliñou Rosana Pérez.

Pola súa parte, a senadora do BNG lembra que unha das condicións que pon a empresa lusa para instalarse na Galiza é a percepción de entre 200 e 250 millóns de euros dos fondos europeos recollidos no PERTE de descarbonización. “O Goberno non pode amparar nin apoiar o desenvolvemento deste tipo de industrias que afectan negativamente ao medio ambiente, á protección da biodiversidade e a un uso sustentable dos recursos hídricos” sinala Carme da Silva.

Por este motivo, da Silva avanza que este martes, durante a sesión de control ao Goberno do Estado no Senado, o BNG preguntará ao Ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, sobre a vontade do executivo de “incluír ou non” a macrocelulosa de Palas de Rei entre os proxectos que recibirán axudas do PERTE de descarbonización.

Deberá dar a coñecer a posición do Goberno en relación a este proxecto e mesmo se existe algún tipo de compromiso por parte do executivo para que a macrocelulosa poida acceder a estes fondos” afirma. Neste sentido, a senadora do BNG denuncia que o proxecto incumpre os requisitos estabelecidos para a percepción destes fondos.

O goberno municipal de Valga vota en contra da moción presentada polo BNG solicitando o rexeitamento á instalación da macrofactoría de Altri en Palas de Rei