Despois de dúas ampliacións no prazo de execución e dunha suspensión temporal, as obras na ponte sobre o río de Louro en Barcia seguen sen finalizar

20240315

A veciñanza da zona está farta duns traballos que inicialmente estaban previstas que finalizasen o 29 de outubro de 2023, e tras unha nova prórroga, terían que ter rematado xa o 8 de marzo de 2024, algo que, vendo como evolucionan as obras, aínda está lonxe de producirse

Despois de dúas ampliacións no prazo de execución e dunha suspensión temporal, as obras na ponte sobre o río de Louro en Barcia seguen sen finalizar

As obras de “mellora da drenaxe” na estrada provincial EP-8504 (O Forno-As Cernadas) contemplaban a ampliación da ponte sobre o río Louro en Barcia, na que, segundo o publicado polo propio Concello de Valga, incluíanse “traballos de demolición do paso sobre o río Louro para construír despois unha nova ponte que con maior capacidade e que dea solución á problemática que, até o de agora, xeraban na zona as crecidas do río”.

Estas actuacións están sendo executadas pola Deputación de Pontevedra grazas a que veciños de Barcia cederon gratuitamente as súas parcelas. As obras obrigaron a cortar o tráfico na zona desde o 20 de setembro de 2023. Isto implica que, desde ese día, o tránsito de vehículos estase vendo claramente afectado, sendo os máis prexudicados a veciñanza das aldeas de Barcia, A Canle, Balleas, Barro, Os Cotriños e tamén Cerneira.

As obras, denominadas “Ampliación de obras de drenaxe na EP-8504 Forno-Cernadas no P.Q. 0+530 e no P.Q. 4+670 (Concello de Valga)”, tamén contemplaban unhas actuacións semellantes no Reguengo, xa finalizadas. A Deputación de Pontevedra adxudicou, o 19 de maio de 2023, á empresa MONCOSA OHS, S.A. ditas obras por un importe de 268.973,62 euros (IVE incluído) e un prazo máximo de execución de catro meses.

Con data 29 de xuño de 2023 formalizouse entre o director de obra e o contratista a acta de comprobación de replanteo, establecendo nese momento como data inicial para finalizar a obra o día 29 de outubro de 2023.

Finalizado o prazo de execución e ante a petición da empresa MONCOSA OHS, S.A. para ampliar dito prazo debido a “retrasos producidos no subministro de pezas de formigón pretensado para estruturas”, a Deputación de Pontevedra concedeulle unha ampliación de dous meses na execución das obras, establecendo como nova data para finalizar a obra o día 29 de decembro de 2023. Residentes das aldeas máis afectadas polo corte da estrada xa trasladaran o seu malestar ao BNG, cansos dunhas obras que se están alongando no tempo máis alá dos propios prazos establecidos pola propia Deputación de Pontevedra.

O 12 de xaneiro de 2024, a Deputación de Pontevedra acordou a suspensión temporal da execución das obras polos motivos que seguen: “Debido a que se formigonará a lousa de compresión do taboleiro da ponte o 21 de decembro, é necesario deixar pasar un mínimo de 15 días para que ésta alcance unha resistencia mínima para permitir a circulación de maquinaria por encima da lousa e poder así continuar cos traballos. Ademais o peche das fábricas no período navideño imposibilita realizar os suministros necesarios para a obra nestas datas”.

Con data 16 de xaneiro de 2024 formalizouse entre o directora de obra e o contratista a acta de reinicio de obra, quedando nese intre sete días para finalizar a obra. O 19 de xaneiro de 2024, case finalizado o prazo de execución, a empresa MONCOSA OHS, S.A. realizou novamente unha petición para ampliar dito prazo alegando que “se contabilizan un número significativo de días nos que se producen intensas precipitacións que fan moi complicada a execución dos traballos”. Ante esta petición, a Deputación de Pontevedra concedeulle outra ampliación de corenta e cinco días, establecendo como nova data para finalizar a obra o día 8 de marzo de 2024.

Hoxe, 15 de marzo de 2024, as obras seguen sen finalizar, polo que o corte da estrada vaise alongar aínda máis no tempo, ao que se engade o preocupante feito de que xa fai máis dunha semana que non se ven operarios pola obra. O BNG de Valga demanda á Deputación de Pontevedra, mais tamén ao Concello de Valga, a que poñan todos os recursos necesarios para finalizar os traballos dunha obra que está supoñendo grandes molestias para a veciñanza da zona.

Despois de dúas ampliacións no prazo de execución e dunha suspensión temporal, as obras na ponte sobre o río de Louro en Barcia seguen sen finalizar