O BNG de Valga lamenta a falta de compromiso do Ministerio de Transportes para garantir a mellora da seguridade viaria na N-550 ao seu paso por Ponte Valga

Ante a iniciativa do BNG no Congreso, a resposta do goberno do Estado non concreta actuacións, investimentos ou prazos, o que revela unha preocupante falta de coñecemento e compromiso real coa seguridade dos veciños e veciñas de Valga

O pasado mes de abril, Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, rexistrou unha iniciativa relativa á necesidade de realizar actuacións para a mellora da seguridade viaria na N-550. Esta vía segue a manter unha configuración propia dunha estrada interurbana, en lugar de adaptarse á súa realidade urbana propia de Ponte Valga. Actualmente, carece de elementos básicos de seguridade viaria e accesibilidade, a pesar de ser a rúa central da capitalidade municipal e albergar servizos esenciais como o consistorio, establecementos sanitarios, paradas de autobuses escolares, comercios e estabelecementos de hostalería.

O deputado galego dirixiuse ao goberno do Estado preguntando cal era a disposición do Ministerio de Transportes para analizar as características da N-550 ao seu paso polo municipio de Valga en materia de seguridade viaria, se tiña previsto pórse en contacto co Concello de Valga para determinar cales son as principais actuacións que sería preciso emprender para mellorar a seguridade viaria e peonil, se contemplaba a posibilidade de emprender actuacións de remodelación das distintas interseccións con outras vías, se entraban nas previsións do Ministerio despregar medidas de mellora da seguridade viaria na N-550 en Valga ou a posible incorporación de actuacións para calmado do tráfico, así como a instalación de pasos peonís elevados, a mellora da accesibilidade ou os cambios de sentido.

Ante esta batería de preguntas, o goberno vén de responder, mais sen ningún tipo de compromiso respecto da mellora da N-550. Soamente indica que “iniciou os trámites tendentes ao estudo”, mais sen concretar prazos, actuacións ou investimentos concretos. A resposta do goberno do Estado revela unha preocupante falta de coñecemento e compromiso real coa seguridade dos veciños e veciñas de Valga, pois nos pouco máis de 1.000 metros polos que a estrada percorre o solo urbano de Valga, só existe un paso de peóns e un semáforo, que ademais funciona de maneira irregular, obrigando aos peóns a cruzar en condicións perigosas.

O BNG de Valga lembra que que a titularidade da N-550 é estatal, polo que correspondería ao Ministerio de Transportes comprometerse coa súa adecuación ás exixencias actuais en materia de seguridade viaria e mobilidade sostible. Insta ao goberno a asumir a súa responsabilidade, mais tamén ao goberno municipal para que se sume a esta reivindicación co obxectivo deseñar e executar un proxecto integral de mellora da seguridade viaria da estrada, que poña no centro a vida e o benestar das persoas.