O BNG de Valga denuncia publicamente a negativa do goberno municipal a facilitarnos información relevante sobre a xestión municipal

20250419

No canto de dar resposta, contestásenos cun informe de dez páxinas asinado polo secretario municipal que, baixo unha aparente cobertura legal, simplemente é unha interpretación restritiva que vulnera o dereito fundamental de acceso á información

O BNG de Valga denuncia publicamente a negativa do goberno municipal a facilitarnos información relevante sobre a xestión municipal

Durante os últimos meses, o grupo municipal do BNG de Valga presentamos varias solicitudes a través do rexistro municipal, pedindo información ao goberno municipal sobre asuntos tan importantes como o Servizo de Axuda no Fogar, coñecer as referencias catastrais das parcelas de titularidade municipal, o polígono industrial da Medela, a xestión da escola infantil ou o servizo de limpeza dos edificios municipais. En ningún caso recibimos resposta, e por ese motivo tivemos que volver a solicitalo por escrito o 2 de abril de 2025 ante o silencio absoluto do goberno municipal do Partido Popular.

O 9 de abril de 2025, José Manuel Salguero del Valle, secretario do Concello de Valga, emitiu un informe que, baixo unha aparencia moi técnica e cheo de referencias legais, non fai máis que servir de escusa para xustificar a falta de respostas ás nosas preguntas. Estamos ante un intento evidente de agochar, detrás da burocracia, a decisión política do alcalde de Valga para non responder. Esta contestación, contribúe a seguir coa estratexia orientada a evitar a transparencia e dificultar a labor de coñecer como se xestiona o Concello de Valga. Unha vez máis, un exemplo claro de desprezo a todos os veciños e veciñas que teñen o dereito a saber como se xestionan os seus recursos.

Esta solicitude de información fixémola por escrito ante a imposibilidade real de que se nos contesten nos plenos, nos que na práctica, non se nos dá resposta real ao que preguntamos, nin se nos permite argumentar as nosas cuestións, nin intervir para aclarar o seu contido. É dicir, nin se responde fóra dos plenos nin se permite facer un uso real da palabra nin debater dentro deles, o que agrava aínda máis esta decisión e deixa claro que o obxectivo é silenciarnos e evitar o control do goberno municipal.

Agora, no canto de dar resposta, contestásenos cun informe que presenta unha aparente cobertura legal, mais simplemente é unha interpretación restritiva que vulnera o dereito fundamental de acceso á información. O máis rechamante é que o propio informe cae en contradicións moi evidentes. Por unha banda, recoñécese que o dereito á información dos concelleiros debe interpretarse de maneira ampla, sen poñerlle trabas, e que se se denega, hai que argumentar claramente porqué. Por outra banda, o que nos atopamos é unha desculpa bastante pobre de que os servizos municipais poderían verse “saturados” ou que as peticións non están ben concretadas. Nada máis lonxe da realidade. A verdadeira razón é que non queren responder e non ofrecen ningunha alternativa para exercer ese dereito de forma real. Esta maneira de actuar encaixa máis cunha cultura de ocultismo que coa transparencia que se espera nun concello moderno e democrático.

Ademais, no informe chegan a dicir que non teñen que dar copias se consideran que hai moita documentación ou que supón moito traballo. Mais en ningún momento se explica cal é esa suposta carga de traballo, nin se propón unha entrega por partes ou un sistema dixital para facilitar os documentos, que perfectamente poderían usar porque o Concello de Valga xa conta con ferramentas electrónicas. O propio Regulamento Municipal di que “a recepción da información polos concelleiros serán realizadas preferentemente telematicamente ou correo electrónico nos enderezos sinalados a efectos de notificacións”. Non é que non poidan, é que non queren.

Desde o BNG temos claro que este informe está feito non para garantir os nosos dereitos, senón para frealos, usando argumentos legais de forma interesada. A acumulación de artigos, leis e sentenzas serve máis para bloquear a nosa labor que para facilitar a transparencia. A modernización da administración non pasa por facer informes de dez páxinas, senón por facilitar a información cando se pide, con normalidade e respecto institucional.

Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, “o que está en xogo non é un debate técnico ou legal, senón algo moito máis fondo, que é o dereito dos veciños e veciñas a saber que se está facendo no seu concello cos cartos de todos e todas. Seguiremos reclamando que se nos entregue a documentación pedida, que nos contesten por escrito como corresponde e que se respecte o noso dereito a saber o que fai o goberno municipal”.

O BNG de Valga denuncia publicamente a negativa do goberno municipal a facilitarnos información relevante sobre a xestión municipal