O BNG de Valga consegue que o goberno municipal estableza criterios para as axudas a deportistas individuais, malia o voto en contra do Partido Popular no último pleno
O Concello de Valga pasa a regular formalmente estas axudas, establecendo requisitos como estar empadroado en Valga, contar con licenza federativa ou participar en competicións oficiais, tal e como defendeu Fran Devesa no pleno do 19 de febreiro
O pasado 10 de febreiro, o BNG de Valga presentou unha moción para impulsar unha ordenanza municipal que regulase de maneira clara, pública e obxectiva o apoio ao deporte local. Nesta, defendíase un sistema estruturado, con criterios transparentes, planificación anual e igualdade de trato para clubes e deportistas valgueses.
Como case sempre acontece, o Partido Popular votou en contra da proposta no pleno do 19 de febreiro. Mais poucos días despois de darlle entrada á nosa moción, a Alcaldía aprobou, 35 anos despois, as bases dunha convocatoria de subvencións para deportistas individuais. Esta convocatoria establece unha partida de 9.000 euros, cun máximo de 300 euros por deportista, e fixa como criterio de concesión a orde de entrada das solicitudes até o esgotamento do crédito.
Desta maneira, o Concello de Valga pasa a regular formalmente estas axudas, establecendo requisitos como estar empadroado en Valga cunha antigüidade mínima de dous anos, contar con licenza federativa ou participar en competicións oficiais galegas, estatais ou internacionais.
O BNG valora positivamente que, aínda votando en contra da moción, como xa ten pasado noutras ocasións, o goberno municipal acabe aplicando a liña defendida por Fran Devesa no último pleno, aínda que nunca o recoñecerán. Isto significa que as propostas presentadas polo grupo municipal do BNG marcan camiño e responden ás necesidades reais do deporte local. Para Fran Devesa, “é o momento tamén para establecer criterios obxectivos para o resto dos clubes deportivos do concello, garantindo estabilidade e igualdade no acceso ás axudas públicas”.
Malia as limitacións da convocatoria actual, valórase positivamente que se dea este primeiro paso, mais o BNG de Valga seguirá defendendo un regulamento máis amplo, que inclúa axudas estables para clubes, apoio ao uso das instalacións municipais, organización de eventos deportivos e un sistema planificado no tempo.
“Consideramos que sería un xesto de honestidade política recoñecer que esta regulación chega despois dunha proposta formal do BNG presentada o 10 de febreiro e rexeitada no pleno. Non pedimos protagonismo, mais si coherencia e que se recoñeza o traballo serio e rigoroso do noso grupo na elaboración de propostas realistas para Valga. O BNG seguirá traballando como até agora, propoñendo medidas concretas e útiles. Se o goberno decide asumilas, benvidas sexan. Porque cando as boas ideas saen adiante, gaña Valga.”, engade Fran Devesa, portavoz municipal do BNG de Valga.
