O BNG de Valga propón a creación dunha ordenanza para establecer criterios obxectivos que regulen o apoio municipal ao deporte local

20260204

A ausencia dun marco normativo común fixo que o apoio municipal se realizase de forma puntual e sen criterios homoxéneos, dificultando a planificación das entidades deportivas e xerando incerteza, tanto nos clubes como nos deportistas

O BNG de Valga propón a creación dunha ordenanza para establecer criterios obxectivos que regulen o apoio municipal ao deporte local

O deporte constitúe un elemento fundamental para o benestar da poboación, a promoción de hábitos de vida saudables e a cohesión social. En Valga existen numerosos clubes deportivos e persoas deportistas que desenvolven unha actividade constante en disciplinas como o fútbol, o ciclismo, o karate ou o piragüismo, mais tamén modalidades de motor como poden ser o motocróss ou os rallyes, contribuíndo de maneira significativa á dinamización deportiva e á proxección exterior do concello.

O Concello de Valga non conta cun regulamento específico que estableza criterios públicos e obxectivos para a concesión de axudas económicas ao deporte. A ausencia dun marco normativo común fixo que o apoio municipal se realizase de forma puntual e sen criterios homoxéneos, dificultando a planificación das entidades deportivas e xerando incerteza, tanto nos clubes como nos deportistas. Por este motivo, o BNG de Valga considera necesario avanzar cara á elaboración dunha ordenanza municipal que permita establecer e facer máis xusto o apoio económico ao deporte, garantindo igualdade de trato, transparencia na xestión dos recursos públicos e estabilidade para quen desenvolve unha actividade deportiva continuada no concello.

A futura normativa debería deixar claramente definido un sistema de axudas anuais aos clubes deportivos de Valga, destinadas a garantir a continuidade da súa actividade ordinaria e a facilitar unha planificación adecuada ao longo da tempada. Estas axudas concederíanse en función de criterios obxectivos; como a actividade real e continuada no municipio, a vinculación efectiva co concello, o número de socios/as, participantes ou federados/as, a existencia de categorías de base, a periodicidade da actividade ou a correcta xustificación das axudas recibidas. Resulta especialmente importante que o regulamento fixe prazos claros para a presentación das solicitudes, a súa resolución e unha data concreta para o aboamento das axudas, de maneira que os clubes poidan contar cun apoio económico real e efectivo dentro do exercicio correspondente.

Xunto ás axudas anuais, a ordenanza municipal contemplaría tamén, de forma expresa, axudas destinadas a sufragar total ou parcialmente o custo do uso do pavillón municipal de Beiro por parte dos clubes deportivos locais, se quedan xustificadas as necesidades do seu uso para adestramentos ou competicións. O acceso ás instalacións municipais debería realizarse en condicións de igualdade, evitando que a capacidade económica de cada entidade condicione o desenvolvemento da súa actividade ou limite a participación do deporte base valgués.

Así mesmo, o Concello de Valga tería que establecer axudas económicas e apoio a través de recursos municipais para a organización de eventos, competicións e actividades deportivas que teñan especial relevancia para Valga. Neste ámbito incluiríase tanto o apoio económico directo como a cesión de infraestruturas, material ou persoal municipal. Un criterio de valoración especialmente importante para a concesión destas axudas sería o impacto social e deportivo destas actividades, a participación de deportistas locais, a capacidade de atraer persoas doutros concellos e a proxección exterior do nome de Valga.

A regulación incluiría tamén un sistema de axudas ou fórmulas de patrocinio municipal para deportistas individuais do Concello de Valga, especialmente en modalidades como o piragüismo ou o deporte a motor, incluíndo motocróss, rallyes ou disciplinas similares. Estas axudas, de carácter similar a un patrocinio institucional, estarían vinculadas á licenza federativa, á participación en competicións oficiais, á traxectoria deportiva e á promoción do nome de Valga nas distintas probas e eventos, garantindo sempre a correcta xustificación dos fondos públicos.

De maneira transversal, tería unha valoración altamente positiva o impacto social da actividade deportiva, especialmente aquelas iniciativas e entidades que fomenten o deporte base, a igualdade entre mulleres e homes, a inclusión de persoas con discapacidade, a participación de persoas maiores ou o desenvolvemento de actividades dirixidas a colectivos en risco de exclusión social.

Por todo o exposto, proponse que o Concello de Valga inicie os traballos necesarios para elaborar unha ordenanza municipal clara, pública e accesible que estableza criterios obxectivos para o apoio ao deporte, garantindo unha xestión máis estruturada, transparente e orientada ao interese xeral. Así, o grupo municipal do BNG de Valga presentará unha moción no próximo pleno solicitando a creación dun regulamento municipal que regule o apoio municipal ao deporte en Valga.

O BNG de Valga propón a creación dunha ordenanza para establecer criterios obxectivos que regulen o apoio municipal ao deporte local