O BNG apoia as reivindicacións dos veciños e esixe maior transparencia a Xunta e Concello para o desenvolvemento dun polígono agroforestal de San Miguel de Valga
Os veciños dos Martores, As Laceiras e Os Vilares entregaron máis de 300 sinaturas mostrando a súa oposición ao polígono agroforestal destinado á plantación de viñedo en intensivo, un proceso que cualifican de moi pouco transparente e no que lles faltou información
A falta de transparencia por parte da Xunta e do Concello de Valga, manifestada na presentación duns planos que non se corresponden cos publicados no Diario Oficial de Galicia; o escurantismo sobre os prezos, que se fixan en tan só dous céntimos por metro cadrado; e a imposición da perda forzosa da propiedade privada, son algunhas das razóns polas que os veciños rexeitan este proxecto.
O 10 de agosto e o 3 de outubro de 2023 publicábanse no Diario Oficial de Galicia o acordo polo que se iniciaba o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de San Miguel de Valga e a súa declaración de utilidade pública respectivamente. Pouco máis dun mes despois, o 10 de novembro de 2023, representantes da Xunta, acompañados polo alcalde de Valga, reuníronse coa veciñanza para explicar o proxecto do polígono agroforestal na parroquia de San Miguel de Valga.
Os planos presentados nesta reunión, malia ser esta posterior á publicación do Diario Oficial de Galicia, non coinciden en absoluto cos planos publicados anteriormente, onde se definía un perímetro de actuación. Esta non deixa de ser unha mostra dun proceso que os propios veciños cualifican de “moi pouco transparente, tanto por parte da Xunta como do propio Concello de Valga”. Ademais, na reunión ocultouse información relevante, como o prezo de arrendamento das terras, a pesar de ser preguntados especificamente por iso. Os responsables da Xunta e o alcalde de Valga afirmaron que se descoñecía polo momento, cando en realidade os prezos de referencia están publicados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no Banco de Terras de Galicia. Ademais disto, os veciños das aldeas afectadas denuncian que este proxecto “non está pensado para os propietarios, xa que é unha expropiación encuberta das terras a un prezo de dous céntimos o metro cadrado”.
Tamén alertan do impacto negativo que isto suporá na saúde da veciñanza, polo impacto que as explotacións agrarias que se implantarían aquí aumentarían as posibilidades de sufrir cancros, párkinsons, trastornos endócrinos e problemas respiratorios. O uso intenso de produtos fitosanitarios e herbicidas de acción total afectaría tamén ás augas do río Valga, a parte dos seus afluentes, así como ás augas de consumo humano presentes nas terras afectadas polo polígono agroforestal.
Ante todo isto, a veciñanza de Os Martores, As Laceiras e Os Vilares, recolleu máis de 300 sinaturas que presentaron este mércores na Consellería do Medio Rural manifestando a súa oposición á aprobación do desenvolvemento do polígono agroforestal na parroquia de San Miguel de Valga, na que expresan a súa postura de non adherir nin ceder as parcelas de xeito voluntario a este proxecto.