O BNG propón un protocolo de protección e seguridade para as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Valga

20250716

Este protocolo debe incluír medidas claras para avaliar os riscos nos domicilios, mecanismos de resposta inmediata ante agresións ou ameazas, e un acompañamento efectivo, tanto en materia de seguridade, como de atención psicolóxica no caso de sufrir situacións violentas

O BNG propón un protocolo de protección e seguridade para as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Valga

O BNG de Valga quere trasladar a máis enérxica condena polo asasinato, a semana pasada, de Teresa de Jesús, traballadora do Servizo de Axuda no Fogar do Porriño, quen perdeu a vida mentres desenvolvía o súa labor profesional nun domicilio. Un feito tráxico que conmociona profundamente e que pon de manifesto, de forma dolorosa e inxusta, os riscos reais aos que se enfrontan cada día algunhas das traballadoras deste servizo esencial, moitas veces esquecidas polas administracións.

A morte de Teresa non é un caso illado, senón a consecuencia máis extrema dun modelo de coidados precarizado, infrafinanciado e abandonado institucionalmente. A realidade do SAF de Valga é a dunha prestación fundamental para as veciñas e veciños, mais que se mantén grazas ao esforzo e compromiso persoal das súas traballadoras, que levan anos denunciando sobrecarga laboral, ausencia de medidas de prevención e unha notable falta de apoio profesional no desenvolvemento do seu traballo. Esta precariedade estrutural ten unha orixe ben identificada: a insuficiencia crónica de financiamento por parte da Xunta de Galiza, que deriva nos concellos a responsabilidade de xestionar un servizo que non lles é propio, sen garantir os recursos necesarios, nin persoais, nin materiais.

Neste contexto, o BNG de Valga considera imprescindible que o Concello de Valga dea un paso adiante e actúe con responsabilidade, xa que mentres a administración autonómica mantén este modelo insostible, as traballadoras seguen expostas a situacións de risco, sen a protección mínima que debería estar garantida. Por todo isto, o grupo municipal do BNG levará ao pleno municipal a petición da negociación, elaboración e posta en marcha dun protocolo municipal específico de prevención e protección para as traballadoras do SAF. Este protocolo debe incluír medidas claras para avaliar os riscos nos domicilios, mecanismos de resposta inmediata ante agresións ou ameazas, e un acompañamento efectivo, tanto en materia de seguridade, como de atención psicolóxica no caso de sufrir situacións violentas.

Ao tempo, é obriga do Concello de Valga instar á Xunta de Galiza a realizar un cambio profundo no actual modelo de coidados, partindo dun financiamento realista e suficiente que garanta a viabilidade do SAF como servizo público. Non se pode seguir mantendo un acordo de financiamento que establece unha tarifa de só 12 euros por hora, cando o custo real que están a asumir o concello é de case 20 euros por hora. Isto significa que os concellos están asumindo case a metade do custo real do servizo, o que asfixia os seus orzamentos e compromete gravemente o funcionamento doutros servizos municipais básicos.

O que ocorreu no Porriño debe ser un punto de inflexión. Non se pode permitir que se perda unha vida máis e cómpre actuar con decisión e responsabilidade, construíndo desde o local un sistema de coidados digno, seguro e xusto. O BNG de Valga reitera o seu compromiso cun modelo de atención ás persoas baseado no respecto, na dignidade laboral e na protección efectiva das traballadoras. É hora de deixar atrás a política das palabras baleiras e garantir tamén a seguridade de quen coida.

O BNG propón un protocolo de protección e seguridade para as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Valga