O BNG propón novamente o cambio de localización do Centro de Día despois de que se tiveran que evacuar a usuarios en cadeiras de rodas polas escaleiras
No pleno celebrado o martes 6 de maio de 2025, Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, volveu preguntar directamente ao alcalde pola súa responsabilidade neste asunto, reclamando unha solución inmediata e o cumprimento da normativa electrotécnica que garanta a seguridade dos usuarios
O Centro de Día de Valga, situado no Auditorio de Cordeiro, foi un dos primeiros 14 centros que se puxeron en marcha pola Xunta de Galiza, a través da Rede Galega de Centros de Día, creada polo goberno do BNG en 2008. O BNG de Valga leva xa tempo advertindo ao goberno municipal que o emprazamento actual non é o máis axeitado, xa que este se atopa situado nun segundo piso, compartindo espazo coa Escola Municipal de Música e o Centro Superior de Música, facendo esta coexistencia, até certo punto, incompatible.
A proposta en buscar unha alternativa máis axeitada non foi tida en conta no seu momento polo goberno municipal, mais agora, a evidencia quedou demostrada polo recente apagamento eléctrico que puxo en risco a seguridade das persoas usuarias do Centro de Día, demostrando que a petición do BNG de Valga era de sentido común. No pleno celebrado o martes 6 de maio de 2025, Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, volveu preguntar directamente ao alcalde pola súa responsabilidade neste asunto, reclamando unha solución inmediata. A resposta, unha vez máis, foi evasiva, afirmando “que todo está ben”.
Durante o apagamento ocorrido o 28 de abril de 2025, o ascensor quedou fóra de servizo e foi necesario evacuar ás persoas maiores con mobilidade reducida en cadeira de rodas polas escaleiras do Auditorio de Cordeiro. Esta situación, absolutamente indignante e perigosa, é unha consecuencia directa da mala planificación e da falta de vontade política para buscar solucións adecuadas que atendan as necesidades reais das veciñas e veciños.
Ademais, tanto o auditorio, mais tamén outras instalacións de libre concorrencia de titularidade municipal, non compren co Regulamento Electrotécnico para Baixa Tensión (REBT), aprobado polo Real Decreto 842/2002, que establece diferentes niveis de subministración complementaria para garantir a seguridade en caso de fallo do subministro eléctrico. No artigo 10, establece a obrigación de ter unha subministración de socorro, como por exemplo un xerador, aplicable a locais de espectáculos, actividades recreativas, locais de reunión, traballo e uso sanitario.
Para Fran Devesa, “non se trata de criticar, trátase de actuar con responsabilidade”. En Valga existen instalacións municipais infrautilizadas, pechadas ou mesmo abandonadas, que poderían, cunha mínima adaptación á normativa, acoller o Centro de Día en condicións moito máis adecuadas, accesibles e preparadas para garantir a seguridade e o benestar das persoas usuarias. A proposta do BNG de Valga é o traslado do Centro de Día ao CODI, situado xunto ás antigas casas dos profesores en Baño, e con capacidade suficiente para acoller ás persoas maiores que na actualidade acoden ao Auditorio de Cordeiro.
As características da edificación do CODI foron deseñadas para promover o desenvolvemento persoal e social das persoas con discapacidade, características que en moitos aspectos son comúns á atención terapéutica integral e plural ás persoas maiores con dependencia. Outros dos aspectos a favor do CODI é que ten un espazo verde arborado de máis de 2.000 metros cadrados xusto en fronte á edificación. Isto ofrecería a posibilidade de que os usuarios do Centro de Día puideran ter a oportunidade de pasar tempo no exterior, algo que no auditorio é totalmente imposible.
A insistencia do goberno municipal en manter o centro onde está, ignorando as advertencias do BNG e de moitos veciños e veciñas, é unha mostra máis da súa falta de proxecto para Valga, gobernando de costas á realidade e xogando coa seguridade dos nosos maiores. Desde o grupo municipal do BNG de Valga ínstase novamente ao goberno municipal a que reconsidere con urxencia o emprazamento actual do Centro de Día e que cumpra coas normativas electrotécnicas para garantir a seguridade dos usuarios das instalacións municipais. As prioridades teñen que estar claras, primeiro as persoas, despois os intereses partidistas e persoais.