O BNG oponse á suba de taxas municipais por falta de atención ás familias máis vulnerables
O BNG de Valga votou en contra da suba de taxas municipais de saneamento, lixo e auga, por considerar, entre outros aspectos, que debería terse aplicada unha porcentaxe menor na categoría vivendas, xa que foron estas as que sufriron un maior incremento na anterior suba de 2021
No pleno ordinario celebrado o luns 9 de outubro, onde o equipo de goberno puxo sobre a mesa a suba de taxas de sumidoiro, lixo e auga, os concelleiros do BNG votaron en contra desta ao non contemplarse cuestións tan importantes como as bonificacións sociais ou descontos no recibo do lixo para as persoas que participan no programa de compostaxe municipal.
A última suba da taxa de sumidoiro e abastecemento de auga foron aprobadas en 2021, con efectos a partir de 2022. Esa suba realizouse de xeito lineal en todas as categorías, resultando un incremento do recibo de sumidoiros para vivendas dun 42,86%, moitos puntos por riba das outras categorías, que no caso das grandes empresas e industrias foi só dun 5%. Con estes números, a anterior suba de taxas foi asumida principalmente polas familias.
Este ano o equipo de goberno xa non propuxo unha suba lineal para todas as categorías como a anterior, senón que aplicou unha suba porcentual. Para a taxa de sumidoiro a suba aprobada polo Partido Popular será do 14,30%, e do 10% para o abastecemento de auga. O BNG defendeu que debera terse aplicado unha porcentaxe menor, cando menos, na categoría de vivendas, posto que foron estas as que sufriron unha suba moi alta na anterior modificación de taxas e debera compensarse nesta nova actualización, aplicándolle un coeficiente de redución con respecto ás outras categorías.
No referente ás taxas de recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos o incremento de taxas será do 14,20%. O Partido Popular non aportou ningunha cifra de produción de residuos totais nin se Valga podería cumprir os requisitos para abaratar a factura que paga a Sogama. O BNG defendeu que as veciñas e veciños que están realizando compostaxe tiveran unha bonificación do recibo do lixo, ao ser eles responsables directos na redución de custes no tratamento do lixo. Tamén propuxo que as empresas asentadas en Valga que conten cun plan de xestión de residuos propio se lle aplique unha bonificación no recibo.
En ningunha das taxas que a partir de 2024 significará unha suba para toda a veciñanza dos recibos de saneamento, lixo e auga, se contemplan bonificacións sociais para persoas e familias máis vulnerables (familias numerosas, persoas maiores de 65 anos, persoas que viven soas, familias monoparentais, desempregados de longa duración, dependentes, persoas con discapacidade...), algo que desde o BNG consideramos que debera ser de aplicación en Valga.
Noutros dos puntos da orde do día do pleno, debateuse dúas delegacións de competencias, na que o equipo de goberno aprobou, co voto en contra do BNG, quitar competencias ao pleno para darllas á Xunta de Goberno Local, órgano no que soamente está representado o Partido Popular. O BNG recordoulle ao alcalde que o pleno é o máximo órgano de representación política das veciñas e veciños no goberno municipal, e está constituído polo Alcalde e todas e todos os concelleiros.
Na quenda de rogos e preguntas instamos ao equipo de goberno a que estude e considere a posibilidade de retransmisións dos plenos a través das plataformas de difusión gratuítas. Preguntamos polo número cruceiros que atracaron no Embarcadoiro de Caneiras (Campaña) e o número de turistas que visitaron Valga este verán, mais sen reposta, pois como o alcalde afirmou “non levamos contablemente o número de persoas que visitaron Valga”. Tamén preguntamos se, despois de ser aprobada no anterior pleno a moción presentada polo BNG para reclamar a cobertura do posto de pediatría no centro médico de Valga a tempo completo, o goberno municipal realizou algunha xestión ante o Sergas e a Xunta de Galicia para abordar a preocupante situación da falta de pediatra no noso concello, ante que o alcalde respondeu que descoñecía se se dera traslado á xerencia da área sanitaria a moción aprobada por unanimidade en pleno.