O BNG lamenta que a Xunta non responda con firmeza ás “indemnizacións irregulares” recibidas por representantes públicos do Concello de Valga

20230420

Luís Bará demandou medidas preventivas para velar pola exemplaridade e exixiu transparencia e “as contas claras” sen poñer trabas ao Consello de Contas

O BNG lamenta que a Xunta non responda con firmeza ás “indemnizacións irregulares” recibidas por representantes públicos do Concello de Valga

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, do deputado do BNG, Luís Bará  lamentou que a Xunta “non reprobe con contundencia” as irregularidade detectadas no informe do Consello de Contas por cobros indebidos por parte de representantes políticos no Concellos de Valga. O parlamentario exixiu “transparencia e rigor” e deixar de poñer trabas ao Consello de Contas no seu labor de fiscalización.

Na súa intervención, afirmou que o último informe do mes de marzo do 23 do Consello de Contas confirma o cobro de dietas e indemnizacións “sen xustificar”. Bará explicou que este organismo non ten capacidade sancionadora pero si de velar pola “eficacia e legalidade” e a Xunta, “ten a obriga, xunto ás administracións locais de velar pola exemplaridade” e unha función preventiva para evitar “prácticas ilegais”.

Gastos non xustificados

O informe, dixo Bará, detecta “irregularidades” no Concello de Valga co cobro de indemnizacións por asistencia, polo que incorre en circunstancias “moi graves”.

O deputado afirmou que “as trampas” nunca son tolerables, tanto no fondo como na  forma e dentro das formas temos están a  colaboración e respecto polo labor de control do Consello de Contas. A este respecto,  algunhas actuacións do Concello de Valga e a súa alcaldía resultan “lamentables e condenables”. En primeiro lugar, sinalou Bará, as referidas as propias irregularidades detectadas polo Consello de Contas no seu informe e, en segundo lugar pola falta de colaboración e “obstrucionismo” do concello co retraso do envío da documentación, a pesar dos diversos requirimentos.

A xuízo do nacionalista, a actitude do alcalde e o concello constata o “uso partidista” da administración local e dunha alcaldía, “desafiante, manipuladora e de desobediencia”.

A investigación do Concello de Valga foi iniciada no ano 2021 sobre as percepcións do interventor e secretario sobre gastos de desprazamentos e manutención durante os anos 2017 a 2021 e o cobro por parte de concelleiros e concelleiras por asistir a unha reunión na Comisión de Coordinación con asignacións establecidas en 1991, un órgano creado ad hoc e fóra da lei. As reunións da comisión non contaba con ningún funcionario para dar contas do seu contido como reflicte o informe do Consello de Contas.

O alcalde de Valga mente e falta ao respecto ás institucións

A alcaldía de Valga ademais de obstruír o labor do Consello de Contas tamén manipula o propio informe utilizando as institucións públicas, medios de comunicación públicos e mesmo a páxina web do concello co fin de “atacar e insultar ás outras forzas políticas”.

Esta actitude “desafiante e chulesca” do alcalde  chega mesmo a pedir que o Consello de Contas rectifique. Este proceder é “impresentable” e Bará preguntou ao director xeral de Simplificación Administrativa, Jesús Oitaven, que previsión ten a Xunta ante esta actitude de “falta de respecto” e que medidas vai a adoptar a Xunta  para “garantir o cumprimento da lei e a exemplaridade das administracións públicas”.

Pola súa parte, Jesús Oitavén respondeu ao nacionalista que a Xunta non é responsable do funcionamento das administracións locais, ao que o deputado replicou que o BNG non preguntou por este aspecto. Desde o BNG, dixo, pedimos explicación sobre “unha serie de irregularidades detectadas polo Consello de Contas” e unhas prácticas que entendemos “son irregulares e de maneira especial, no Concello de Valga”.

A Xunta debe intervir para eliminar estas prácticas e hoxe debe pronunciarse se está disposta “a cumprir a legalidade” nestes concellos e valorar  o informe do Consello de Contas, á marxe das responsabilidades penais.

Por outra banda, lembrou que a recomendación do Consello de Contas sobre a Comisións de Coordinación debe suxeitarse ao marco xurídico vixente, porque o concello de Valga persiste en “incumprir a Lei”.

O deputado rematou a súa intervención reclamando ás administracións públicas “transparencia e as contas claras” para que non se repitan situacións que raian a corrupción.

O BNG lamenta que a Xunta non responda con firmeza ás “indemnizacións irregulares” recibidas por representantes públicos do Concello de Valga