O BNG de Valga esixe maior ambición nas políticas locais de igualdade e conseguir así máis avances para as mulleres en todos os eidos sociais

Maior concienciación e difusión dos valores de igualdade, un programa municipal de igualdade estable ou campañas de sensibilización efectivas contra as violencias machistas que chamen ás cousas polo seu nome, son algunhas das propostas do BNG de Valga polo 8M

Para o BNG de Valga o 8M, Día Internacional da Muller Traballadora, é un día para recordar o espírito da loita feminista e reivindicar os logros das mulleres en todos os ámbitos da vida, recoñecer a forza e a resistencia daquelas que desafiaron e seguen desafiando as normas para conseguir un mundo máis xusto e equitativo.

Desde o goberno de Valga deberíase facer un labor maior de concienciación e difusión dos valores de igualdade, e non limitarse a actuacións superficiais e cosméticas. Acaba de aprobarse, unicamente cos votos a favor do Partido Popular e despois de dous anos caducado, un novo Plan de Igualdade, un plan realizado co único obxectivo de cumprir cun trámite administrativo e sendo unha copia do anterior.

Tamén recentemente, o Concello de Valga acaba de nomear o xurado do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, un xurado que un ano máis está composto exclusivamente por homes, coma se non houbese mulleres coa mesma valía para realizar este traballo.

En Valga, seis de cada dez persoas que están en situación de desemprego son mulleres. Isto é un indicativo dos roles que aínda seguen existindo e que precisan de políticas específicas para por fin a esta situación, onde a muller segue sendo a responsable dos coidados familiares.

Ante os datos que mostran unha situación de desigualdade entre mulleres e homes de Valga, o goberno do Partido Popular de Valga realiza campañas de sensibilización moi pouco ambiciosas, desprovistas da compoñente reivindicativa coa que naceu o 8M. Campañas denominadas “Contra o maltrato” ou “Si ao respecto” son accións ambiguas que non concretan a finalidade das mesmas, polo que desde o BNG de Valga esiximos que non lle trema o pulso ao equipo de goberno de Valga e comece a chamarlle ás cousas polo seu nome.

Desde o BNG de Valga seguirase reclamando un programa municipal de igualdade estable e integral, que conte cos diferentes actores sociais, económicos e políticos do concello para levar a cabo medidas concretas e eficientes.

Campaña do BNG polo 8M

O lema da campaña do BNG para este 8M, Tempo de avanzar. Para todas, todo, fai un chamamento a avanzar como sociedade con maior ambición na igualdade e nos dereitos das mulleres, poñendo o foco nesta ocasión na desigualdade que persiste no ámbito laboral, en particular na desigualdade que se dá baixo contratos asinados coa administración pública.

Queremos que todas as Administracións Públicas, todas e cada unha delas, velen pola igualdade laboral das mulleres nas súas contratacións de servizos”, indicou a portavoz nacional Ana Pontón para explicar as propostas do BNG neste sentido, a comezar por blindar por lei que existan cláusulas sociais e de igualdade na contratación pública.

Pontón recordou que o Bloque xa conseguira en 2018 un acordo parlamentario para avanzar nesta dirección pero “o Goberno do PP non fixo absolutamente nada” e mesmo aprobou unha reforma da Lei de Igualdade onde “non inclúe ningún ámbito relacionado con estas cláusulas de igualdade”.

Por iso, avanzou que o BNG rexistrará nas próximas semanas unha proposición de lei galega para a inclusión de cláusulas sociais e de igualdade na contratación pública e no réxime de subvencións porque “o sector público ten moita capacidade para poder incidir de maneira directa nas condicións de vida de moitas mulleres e é importante que se utilicen estas fórmulas para ir eliminando situacións de discriminación ou de precariedade laboral, onde a Xunta é directa ou indirectamente responsable”, afondou.

Trátase de tomar medidas e de facer deste 8M non só unha data de reivindicación de todo o conseguido, senón sobre todo de que valoremos canto nos queda por avanzar”, reflexionou Pontón para avogar por “poñer o turbo” nas políticas de igualdade dada a persistencia das desigualdades e as discriminacións “polo simple feito de ser muller”. “Non é que vaiamos demasiado rápido, é que imos demasiado lentas á hora de conseguir a igualdade”, afirmou para advertir que a propia ONU estima en que tardaremos arredor de 300 anos en acadar a igualdade real.

Neste sentido, recordou que as mulleres seguen asumindo de maneira maioritaria os coidados e soportando a precariedade nos propios servizos públicos, protagonizando en 2022 o 87% das excedencias por coidados de fillos e fillas e o 73% das rexistradas por coidados de familiares.  A isto sumou que as mulleres son maioría nos tramos máis baixos de renda no mercado laboral, cun 40,2% que non chega nin ao Salario Mínimo Interprofesional, e cunha fenda salarial que supera os 4.500 euros anuais en 2022, unha décima máis que o ano anterior.

Diante da evidencia dos datos, a portavoz nacionalista avogou por “non conformarnos coa realidade actual” porque “non é que chegaramos demasiado lonxe, é que aínda non somos iguais”, advertiu para reivindicar o “orgullo” do feminismo fronte a todos os discursos “da dereita e da estrema dereita que nos queren levar atrás”.